Opinión

Cultura galega

Mama Boggie é unha banda nacida en Santiago de Compostela aló polo ano 2001 da man do guitarrista Luis Figueroa e do baixista Mani Castro. A banda, afincada en Madrid, como é obvio por mor do traballo, ofrece unha mistura de soul, jazz, funky e blues; podiamos dicir que fai música negra afroamericana con acento galego. Francisco Álvarez ‘Koki’ é un poeta galego, natural de A Garda e afincado en Nova Iorke, que leva publicados libros en galego (‘Lexanias’, ‘Maruxía’...) e en castelán (‘Para el Amor pido la palabra’, ‘Sombra de Luna’...).


Fernando Iglesias, máis coñecido como Tacholas, foi un emigrante ourensán en Arxentina onde participou en medio cento de películasn sendo considerado como un actor galaico-porteño no famoso documental de José Santiso no que recrea a súa vida.


Carlos Velo, co que comparto concello de nacemento aló polas terras de Cartelle, foi unha figura destacada do cine mexicano (a onde chegou coma exiliado en 1939) como director e guionista...


Pois ben, isto non é máis ca un pequerrechiño exemplo da morea de persoas que Galicia tivo e ten, por motivos diferentes, espalladas polo mundo facendo e creando Cultura. Non son máis ca un pequerrechiño exemplo de Cultura galega feita fóra de Galicia. Con isto quero referirme a unhas declaracións feitas a semana pasada polo conselleiro de Cultura, nas que viña a dicir que a el lle interesaba máis falar de cultura feita en Galicia ca da cultura galega e coas que armou ‘as de San Quintín’, que dirían os enxebres.


Chegados a este ponto debo facer un inciso para dicir que lin a entrevista publicada nun xornal galego despois do barullo creado e suscribo case a totalidade das súas palabras, aínda que non reflicten nada práctico, pero como ‘declaración de intencións’ son interesantes e cun aire fresco, creo que de cando en vez necesario, ata que chega a iso de identificar cultura galega só con gaitas, catedrais e empanada; fíxome saltar na cadeira.


Sempre crin, por conviccións e formación, que a Cultura galega abarcaba a tódo los creadores galegos estiveran onde estiveran e fixeran o que fixeran na súa producción creativa. Dicir que só lle interesa a cultura feita en Galicia é excluinte, limitado e algo que unha persoa con responsabilidades de goberno debería erradicar dun plumazo. A Cultura é unha producción colectiva cun universo de significados. A cultura é coma o soporte onde se apoia toda a identidade persoal. Nacemos e medramos dentro dun contexto cultural propio e determinado que nos vai dando identidade.


Cando os nosos creadores saen de Galicia son portadores e van apoiados nese soporte cultural que vai singularizar tódalas demais achegas; enriquecéndose pero singularizándose. Lembro as palabras de Umberto Eco cando di que ‘cada cultura absorbe elementos das culturas próximas e lonxanas pero logo caracterízase pola forma na que incorpora eses elementos’.


Debo recoñecer que me houbera gustado que dixera que lle interesaba a Cultura feita en Galicia e polos galegos fóra de Galicia, se quería matizar, claro. Aos que non temos esa concepción tan arcaica da Cultura galega non nos é necesaria a matización, incluso nos pode resultar insultante.



Te puede interesar