Opinión

Honduras: Arrogancia e estupidez

Que razón tiña Antonio Machado cando dicía aquilo de ‘méntese máis da conta por falta de fantasía: tamén a verdade se inventa’!


Levo lidos artigos escritos en diferentes medios e por distintas personalidades, unhas máis famosas ca outras, unhas máis independentes ca outras, sobre o que pasou e está pasando en Honduras e permítanme mostrarlles a miña perplexidade. Non acabo de comprender a diferenza que algúns nos queren facer ver entre golpes de Estado bos e golpes de Estado malos, para xustificar o inxustificable.


Dinnos que sacar ao presidente dun país da cama, levalo en pixama á fronteira e expulsalo, suspender as garantías constitucionais, poñer ao exército e á policía na rúa, mergullar a un país en toque de queda, fomentar o odio e a división entre a cidadanía,..., é legal e non constitúe golpe de Estado porque se fai para defender a legalidade. E eu que pensaba que a legalidade se defendía nos tribunais!, pobre de min!


Aos que estudamos algo de Historia explicáronnos aquilo de golpes en contra do Estado e golpes desde o Estado. Lembrando aquelas vellas leccións, dáme que en Honduras deuse un golpe contra o Estado para previr un golpe desde o Estado, dicíndonos que deste xeito se evita un baño de sangue, iso si, abrindo unha profunda fenda no país entre defensores do golpe e seguidores de Zelaya, entre a clase empresarial, que controla o 90% da riqueza do país, e as clases populares. E unha pregúntase por que se este señor era un delincuente, un corrupto, un violador da orde constitucional, non o detivieron e o levaron ante un tribunal para ser xulgado no seu propio país, aos ollos de todos os hondureños e do mundo? Por que preguntar á cidadanía pode ser un delito? Por que había que convocar o referendo agora e non se fixo antes ou non se presiona para que se faga despois?. Como se reforma unha Constitución que prohibe a si mesma reformarse? A que lle tiñan medo os opositores ao referendo? En fin, como case sempre estou feita unha lea e só teño unha cousa clara: os feitos. Vexamos:


A Constitución hondureña, escrita no 1981 e tutelada pola ditadura militar e a oligarquía hondureña, prohibe expresamente a reelección presidencial e a posibilidade de reforma canto ao período presidencial, a ser novamente presidente e a expatriación de calquera cidadán hondureño.


Zelaya, elixido no 2005 polo partido Liberal, non é para nada un revolucionario só é un populista con ‘amizades perigosas’, Chávez, Morales e os dirixentes cubanos entre outras, que o afastan da inmovilista oligarquía hondureña (Forzas Armadas, terratenentes, empresarios e Igrexas).


En novembro celebraranse novas eleccións presidenciais e Zelaya, que parece non ter moitas gañas de afastarse do poder, decide convocar un referendo para que a cidadanía decida se cómpre reformar a Constitución. De ser o resultado positivo nas mesmas eleccións de novembro elixiríase unha Asemblea Constituínte. Feito que foi apoiado polos sindicatos e a gran maioría das asociacións sociais do país.


A fachendosidade do presidente e os seus erros políticos atoparon a oposición das Forzas Armadas, do Congreso e a Corte Suprema de Xustiza a quenes non se lles ocorreu outra solución que o esperpento que todos vostedes xa coñecen e ao que algúns xa lle deron o nome do ‘golpe dos idiotas contra os hipócritas’. Calificativo ao que humildemente me sumo. Protexeuse a orde constitucional violando a propia constitución e os dereitos non só do presidente elixido polos cidadáns senón de todos os hondureños. Hai quen dea unha dose de estupidez meirande? Ante os feitos, xulguen vostedes mesmos para que a verdade non sexa inventada.

Te puede interesar