Opinión

LEMBRANZA E AGRADECEMENTO

É tal vez o último dia da minha vida.


Saudei o sol, levantando a mão direita,


mas não o saudei, dizendo-lhe adeus,


fiz sinal de gostar de o ver antes: mais nada.


(Fernando Pessoa)




Acotío lembrar é un verbo doloroso e incómodo e nestes intres, nestes momentos nos que me poño diante do meu ordenador tentando expresar os sentimentos que se aturullan dentro de min ao enterarme da morte de alguén con quen me crucei hai xa moitos anos por mor de algo que tiñamos en común, a nosa paixón pola Historia, este sentimento de desacougo mestúrase cun sentimento de agradecemento e penso na súa figura, no seu retrato físico e son dúas as cousas que agora mesmo creo que sempre lembrarei de Marcos Valcárcel: a súa ollada brillante de bondade e o seu sorriso cheo de tenrura. Verán, hai quen di que a maldade escurece a alma, eu penso que escurece a mirada probablemente por aquilo de que 'la mirada es el espejo del alma', é o fio conductor polo que podemos chegar ao interior das persoas, e a ollada de Marcos Valcárcel estaba chea de paz, serenidade, honradez, empatía, optimismo e cariño, sensacións que poucos seres humanos son capaces de transmitir. E que decir do seu sorriso?Unha das moitas aprendizaxes que recibín de miña avoa foi a de que non hai nengunha cousa seria que non poida dicirse cun sorriso, e cantas cousas serias nos dixo Marcos Valcárcel cun sorriso!;o seu era un sorriso natural, sincero, nacido do interior do corazón e propio, como dicía Tomás de Iriarte, de 'homes intelixentes'.


Penso tamén en todas aquelas cousas polas que teño que sentirme agradecida a súa persoa, ao seu facer cotiá e polas que debo darlle grazas. Grazas pola túa competencia e coherencia de vida. Grazas pola túa lealdade e cercanía.Grazas polo teu amor á terra. Grazas por ensinarnos que o traballo,o esforzo e a humildade son os nosos mellores valores. Grazas polo teu rigor e bo facer.Grazas pola túa discreción e humanidade. Grazas por amosarnos que as penas non se choran tralos recunchos senón na intimidade. Grazas por haber sido un facho de luz. Grazas porque coñecerte fixome ser mellor do que era. Grazas por haber compartido este anaquiño de mundo, que é a vella Auria, contigo? Que coma aos vellos peregrinos e aos barcos que naufragaron nas súas costas, a mítica Finis Terrae, a fin do 'Camiño das Estrelas', te acolla para sempre!, connosco quedan as túas ensinanzas e o teu bo facer. Unha aperta chea de sentimento para a túa familia.

Te puede interesar