Opinión

‘Millennium’

Quen non se lembra de Pippilotta Rollgardina Victualia Peppermint Longstockin?, tal vez así non, pero se lles digo Pipi Calzaslargas, probablemente veña á memoria da maioría a imaxe daquela nena pencada de tesas trenzas rubias que vivía nun pobo sueco co seu mono o señor Nilsson e o seu cabalo Tío. Os que cantamos aquilo de ‘Pippi Calzaslargas, Pippilota para os nenos son, Pippi Calzaslargas si señor esa son eu’ lembrámonos daquela nena valente e forte capaz de erguer cos seus brazos ao seu cabalo e do seu cofre cheo de moedas de ouro agasallo seu pai, o pirata Capitán Langstrump. Pipi, independente, rebelde, transgresora, inimiga dos convencionalismos ensinábanos aos nenos dos 70 todo o contrario do que debía ser e facer un neno, e foi precisamente iso, ese desafío ás regras da sociedade, o que fixo que o personaxe creado pola escritora sueca, Astrid Lindguen, se convertese nunha das series infantís de culto incluso para xeracións posteriores.


Pois ben, corenta anos despois, outro sueco, Stieg Larsson, imaxinouse como sería esta nena de maior e a Pipi adulta converteuse por obra e graza da ‘creación’ literaria en Lisbeth Salander, unha superdotada hacker, vítima de malos tratos, cunha imaxe mestura de punk e gótica, bisexual, teimuda, asocial, aconvencional, chea de piercings, tatuaxes e cegueira emocional, e os tres volumes que forman Millennium (‘Os homes que non amaban as mulleres’, ‘A moza que soñaba cun misto e un bidón de gasolina’ e ‘A raíña no palacio das correntes de aire’) convertéronse en tan só un ano nun bombazo editorial con dez millóns de exemplares vendidos en 32 países. Pero, que pode facer que unha serie de tres libros, única obra póstuma do seu autor, sexa lida non só por lectores habituais senón tamén por persoas non moi amantes destes mesteres e que incluso moitos que xa a consideran obra de culto non sexan precisamente seguidores do xénero da novela negra?, sinxelamente, por que gusta a tanta xente? Unha, que leu a primeira e a segunda parte -debo dicir que a primeira por unha mistura de gusto pola novela negra e curiosidade e a segunda por intriga-, creo que hai catro factores básicos: a denuncia social presente en toda a triloxía, os personaxes principais, o autor e o marketing. Lía estes días un comentario no que un crítico literario dicía que a xenialidade de Larsson estivera en ‘meter o dedo na chaga das cloacas do capitalismo’ e é precisamente aí, no plantexamento de temas actuais, onde engancha cos lectores. Os dous primeiros libros constitúen unha crítica social feroz: violencia, abusos de poder, fascismo, racismo, capitalismo salvaxe, sociedade machista, corrupción, negocios turbios, amaños, tramas empresariais, acceso indiscriminado á información, tráfico de mulleres do Leste, prostitución..., nada escapa á pluma de Larson. A sociedade sueca non é tan modélica como nos venden, dinos Larson. E no medio de todo iso, un reconvertido xornalista de investigación, tras perder un xuízo por difamación, e unha hacker que sufriu como ninguén a violencia machista. Violada polo seu pai e pechada polos servizos sociais que, lonxe de comprendela a afastan da sociedade. Pero ela non se rende, érguese, loita e víngase, para o que non dubida en empregar unha gran dose de violencia e o seu prodixioso dominio da informática. Se a isto lle engadimos unha dose de bo marketing, sen xiras de autor (abonda con fixarse nos títulos da triloxía e as portadas dos libros obra do artista mexicano Gino Rubert) e o ‘romántico’ perfil dun autor xornalista, reporteiro de guerra, loitador contra o racismo, crítico dos grupos neonazis e de extrema dereita, ameazado de morte que escribía as súas novelas polas noites, practicamente en segredo. E todo iso aderezado cunha prematura morte e unha loita sen cuartel pola súa millonaria herdanza entre o seu pai e irmán por un lado e a súa compañeira polo outro, temos os ingredientes necesarios para o ‘enganche’ no século XXI. Ah!, para os que prefiran o cine, a primeira parte xa foi adaptada e dinnos que pronto se estrearan as outras dúas. Lean e / ou vexan e xulguen.



Te puede interesar