Opinión

Reflexións para o Día da Muller

'Me estremeció la mujer que empinaba a sus hijos hacia la estrella de aquella otra madre mayor y cómo los recogía del polvo teñido para enterrarlos debajo de su corazón/Me han estremecido un montón de mujeres,mujeres de fuego, mujeres de nieve.(…)/Me estremeció la mujer que parió once hijos en el tiempo de la harina y un kilo de pan y los miró endurecerse mascando carijos. /Me estremecieron mujeres que la historia anotó entre laureles y otras desconocidas, gigantes que no hay libro que las aguante”.(…)


(“Mujeres”- Silvio Rodríguez)


Corría o ano 1857 cando 129 mulleres eran queimadas vivas nunha fábrica textil en Nova Iorke. Atrevéranse a ocupar a fábrica para esixir igualdade de salarios e unha xornada de dez horas. A 153 anos de tan tráxico suceso unha enchenta de organismos traballan pola non discriminación da muller e ofrecen unha morea de instrumentos xurídicos que velan para que todos eses dereitos se cumpran alo menos en teoría. Nembargantes, hai algunhas cousiñas que nos poden facer pensar: o 60% dos pobres do mundo son mulleres, as mulleres representan dous tercios dos adultos analfabetas, entre tres e catro millóns de mulleres son golpeadas cada ano no mundo, anualmente 500 mil mulleres morren por complicacións no embarazo,as mulleres constitúen o 40 por cento de adultos infectados pola sida, máis de un millón de nenas en Asia son forzadas á prostitución cada ano , cada ano 2 millóns de mulleres son mutiladas xenitalmente, 60 millóns de mulleres están “desaparecidas” debido á discriminación sexual, as violacións masivas foron e seguen a ser unha arma de guerra en tódolos países en conflicto, en países coma Kirguistán, Turkmenistán, Etiopía, Ruanda,… as nenas son secuestradas para obrigalas a casaren cos seus secuestradores…


Sí, sí xa sei que uf! nós estamos noutro “mundo”. Iso pasa noutros sitios, aquí temos mogollón de organismos e asociacións que velan para que se cumpran os nosos dereitos, se ata temos iso da “paridade” e a lei para a igualdade! Como imos comparar eses países con nós? Bueno, primeiro, esas tamén son persoas e mulleres, e segundo, só catro cousiñas para pensar: primeira, en España o 80% dos empregos a tempo parcial son ocupados por mulleres; segunda, a Comisión Europea cifra que en España unha muller cobra unha media do 17,4% menos de salario ca un home polo mesmo traballo; terceira; unha muller de entre 45 e 64 anos que busque emprego no noso país, ten a cuarta parte de posibilidades de atopalo ca un home da súa mesma franxa de idade; e cuarta, , no último ano 50.000 mulleres víronse obrigadas a deixar o seu traballo por non poder conciliar vida laboral con vida familiar, a pesares de contar cunha lei para a igualdade que nos venderon coma modélica pero que deixa nas mans dos Convenios a materialización dos plans de equidade salarial e de igualdade de oportunidades.

É evidente que nos derradeiros 25 anos, a muller en España leva ocupado postos en case todo o abano de profesións. Hoxe xa ninguén se sorprende de ver a unha muller conducindo un autobús, un camión ou poñendo ladrillos nunha obra, na carreira militar ou na marina mercante ata o ponto que poucas profesións son inaccesibles para as súas fillas a excepción iso si , e vaia ironía, das vencelladas ao sacerdocio católico e ós seus equivalentes nas grandes e maioritarias relixións monoteístas. Pero traballar fóra da casa estalle supoñendo a moitas mulleres unha dobre xornada laboral, porque aquilo de “as mulleres saímos ao mercado laboral pero aos homes cústalle entrar na cociña” é unha realidade en moitos fogares do noso país . Mentras non se compartan tarefas e responsabilidades a meirande parte das mulleres seguirán adicando ás tarefas domésticas unha porcentaxe de horas moi superior ao do seu compañeiro unha vez rematada a súa xornada de traballo.


Mentras non se cree conciencia seguirá existindo esta gran asimetría no tempo adicado á casa e aos fillos. Tódalas políticas de conciliación da vida familiar e laboral aínda facendo fincapé na corresponsabilidade nas tarefas familiares non deron o froito que se esperaba e é que nengunha política neste senso que non vaia acompañada de formación pode incidir de forma suficiente na nosa forma de pensar e pode modificar eses ideais tradicionais. Mentras a linguaxe, a publicidade sexista e a educación sigan transmitindo modelos discriminatorios nengunha lei acadará os froitos desexados e tan necesarios.

Te puede interesar