Opinión

O val de Swat

Ten 5.340 quilómetros cadrados, abundante auga, exuberante vexetación, maxestuosas montañas e espléndidos lagos. Coñecido en tempos do imperio británico como a Suíza de Paquistán, pola súa extraordinaria beleza e o seu atractivo turístico. Conquistado por Alexandro Magno, parte integrante do imperio indio Maurya e da civilización gandharano, quenes espallaron o budismo convertendo o val nunha síntese de civilizacións, a grega e a budista. Centro, durante parte do século XX, dunha rara monarquía que potenciou a educación das mulleres e os servizos públicos e conseguiu manter a rexión allea aos avatares bélicos da zona.


Hoxe, o medo e o terror campan ás súas largas neste marabilloso val. Como se chegou a esta situación?, como un territorio de tan riquísima civilización pode en tan só unhas décadas pasar de ser un exemplo de tolerancia dentro do Islam, a ser gobernado pola sharia e o código pastún? A resposta a estas preguntas está fóra deste fer moso val. Fai uns días escoitaba nunha emisora de radio a un xornalista resumindo o que está pasando neste val do noroeste de Paquistán dicindo ‘volven os talibáns’. A expresión sería ata chistosa senón fose porque detrás dela hai centos de mortos e, segundo a ONU, tres millóns de desprazados. Os talibáns non se foron nunca e tampouco se van ir agora. Eles son a consecuencia da política vergoñenta que Occidente está levando a cabo en Afganistán. Os talibáns xurdiron nos campos de refuxiados afganos en Paquistán. Formáronse e fórmanse exclusivamente na lei islámica e o Corán, nas madrasas, as escolas coránicas establecidas ao longo da fronteira. Pertencen á xeración dos orfos da guerra, nados e criados nos campos de refuxiados. Foron adestrados, financiados, aprovisionados e armados polo propio exército paquistaní, por unha beira, como axuda a súa política de inimizade con India e o seu interese por ter un Goberno aliado en Afganistán; e por EE.UU, polo outro, no seu ‘yihád’ privado contra os soviéticos. E xa se sabe aquilo de ‘cría corvos e sacaranche os ollos’. Volvéronse contra o pai ianki cando este os abandonou, aínda que seguiron a ter o apoio da nai, Paquistán, quen lles permitiu establecer o seu refuxio no val de Swat onde gobernaron facendo o que lles petou e impoñendo a sharia en troques de non causar excesivos problemas.


Pero, agora o pai pídelle á nai que dea a estes filliños, trasnos e descontrolados, unha boa lección. A lección causou e segue causando moito sufrimento humanoM; o que dubido é que teña algunha utilidade práctica na estabilización da zona. No seu libro ‘O fervedoiro de Paquistán’, o xornalista alemán Christoph Hörstel sinala algo perverso: ‘Nas zonas dos pastores rexen vellas leis tribais de vinganza; os americanos saben que matan a civís e que estes civís van pedir vinganza’. Pero, acaso non é esa perversidade a que moveu gran parte dos conflitos do século XX e que aínda perduran hoxe?

Te puede interesar