Opinión

Xestos solidarios

Hai uns anos o Foro de Davos, ese que en teoría naceu para “mellorar a situación do mundo” e ao que irónicamente o cantante Bono denominou “ a asamblea de gatos gordos na neve”, lanzou ao mundo a pregunta de que se podía facer para conseguir un mundo mellor. Pasaron xa algúns anos e se vostedes fan unha viaxe, aínda que só sexa virtual , polo mundo decataranse que os problemas e os conflitos seguen a estar localizados nas mesmas áreas xeográficas e seguen a causar un enorme sufrimento aos mesmos grupos sociais que entonces.

Hai tres anos Javier Bardem produciu coa colaboración de cinco directores de cine outras tantas curtametraxes nas que relataba cinco conflitos esquecidos e dicíanos que “Invisibles” era “unha homenaxe á realidade”. Á realidade dos 18 millóns de persoas que sofren a enfermidade de Chagas; á realidade das atrocidades que sofren as mulles na guerra do Congo, pero que podería ser en calquera outra guerra; á realidade dos expulsados das súas terras en Colombia, pero que podería ser en calquera comunidade indíxena Latinoamericana; á realidade dos milleiros de persoas que se ven privados de medicamentos pola industria farmacéutica; á realidade dos 300.000 nenos soldados do mundo. Unha realidade incapaz de mover as nosas conciencias.

Hai xa algúns anos, falando sobre o tema de “mover conciencias”, comentaba eu cunha persoa con responsabilidades nunha ONGD que lle correspondía a estas a tarefa de facer educación, de abrir as mentes da sociedade para que haxa un verdadeiro concepto de solidariedade, para que poidamos ir más aló do botiquín, do paquete de pañais, do dispensario..., da “solidariedade” a golpe de cámara. Respondíame esta señora que para educar estaba a escola. Evidentemente o concepto que esta persoa tiña, non sei se o segue a ter, sobre solidariedade e sobre ONGD era o de facer caixa. O cal é moi respetable, por suposto, e necesario, pero non suficiente xa que isto lévanos a que a nosa, como nos gusta chamar, solidariedade (eu chámolle esmola) estea estimulada polo horror e o sufrimento que nos venden os medios de comunicación de cando en vez pero que pronto se borra co paso do tempo.

Por iso, hoxe púxenme a escribir estas liñas para compartir con vostedes tres “xestos” que nos poden axudar a mover a nosas conciencias máis por comprensión ca por impulso. O primeiro é unha mesa redonda que co lema “Conflictos olvidados”, terá lugar o día 6 no salón de actos de Caixa Galicia . Organizada polo PUM+J e coa colaboración de Amigos da Terra, Amnistía Internacional e Solidaridade Internacional, tratarán diversos conflitos existentes hoxe no mundo e aos que non chegan os medios de comunicación, pero que producen tanto sufrimento e horror en milleiros de persoas coma os de “marketing” (o Congo, o Sahara, a situación das mulleres nas guerras, os daños medioambientais nos conflictos…). O segundo, é unha campaña de sensibilización que sobre os Obxectivos do Milenio vai presentar esta semana a Oficina de Voluntariado do Concello que se desenvolverá todo o ano e que nos traerá a Ourense a Carlos Taibo, Amélie Gauthier e Juan López de Uralde. E o terceiro, é un libro, presentado a semana pasada en Santiago, “Níxer”, no que Francisco X.Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa e Moustapha Bello Marka, en colaboración con Acción Contra a Fame, nos achegan á realidade que eles viviron neste país ao que califican como 'último lugar sobre a terra', pero contada coa sensibilidade dos grandes escritores. Recoméndollelo.

Te puede interesar