Opinión

40 de maio

Xa podemos quitar o saio, amigo lector, ¡a Deus gracias! Por fin, pernas ó aire nesta primavera na que desexamos tanto o solciño, pois ben dito está polos vellos eso de ata o ‘40 de maio non quites o saio’, que este ano ben que se cumpriu debido a confluencia con outro proverbio que así reza: ‘cando marzo maiea, maio marcea’. E como despois de maio ven San Xoán prepararémonos para ir despedindo o curso e agradecerlle ós mestres o seu labor e horas de adicación ós nosos fillos, que un ‘bo mestre é un tesouro’ e eso débese recoñecer sempre, pois ben sabemos que sementa nos nosos nenos esencias que levará con el toda a súa vida. E así como maio nos deixou disfrutar de eventos entrañables (como a homenaxe a ese actor de voz potente e vigorosa, Abelardo Pérez Gabriel, a quen os seus moitos amigos quixeron agradecer os moitos momentos de gloria que nos ten brindado), e tamén disfrutamos cos nosos maiores de Aturuxo noutra nova obra dirixida polo seu director Xabier Millán, que coma sempre encheu o Teatro Principal coa súa arte escénica: todos entregados e guapísimos, e como non, Pepe Ruipérez actor de pes a cabeza, interpretando coa mesma facilidade coa que respira, digo, que teremos tamén en xuño actos importantes e ineludibles como o novo premio que se lle outorga a Marcos Valcárcel -máis que merecido- este home traballador e cultísimo do que goza a nosa cidade.


Pois o dito, a partir do 40 de maio -e xa sen saio- pensaremos na fogata de San Xoán e en que prendas vellas imos queimar para renovarnos coa luz, pero esa xa é outra historia.



Te puede interesar