Opinión

Amor de nai

Buscáchesme tí a mín, ou fun eu a que te busquei, mamá querida? ¿Fuches tí, meu fillo lindo, o que me chamou un día, ou foi o meu amor o que te fixo vir para estar comigo? Non sei cal será o misterio dos principios, pero parécese a aquelo de quen é primeiro, se a galiña ou o ovo. O que si é certo e que a sabia natureza (unha vez máis) quíxonos premiar con ese algo tan máxico facéndonos para sempre únicos, por eso nai só hai unha.


Aí reside o gran poder: ninguén máis gozará dese vínculo maxestuoso que nos une ó máis sagrado: a vida. Polo tanto é por elas que nace hoxe este cantar. Hai poucos días celebrouse o día da nosa nai Terra, e non sabemos ben en que lugar profundo se confunden eses lazos milagrosos entre a nai de todos e a de cada un, porque do mesmo ventre celestial nos alimentan.


¿Recordas a color do seu seo cando te abrazaba de neno? ¿Recordas o olor do seu peito cando che lanzaba amor? Qué xoia, qué riqueza tivemos os nenos que sentimos ese aroma a cereixas e mel, esa pel que abrigaba o noso corpiño indefenso, ese leite que non só nutriu o noso corpo senón tamén a ilusión, o entusiasmo, a alegría coa que xa queriamos soñar. Unha nai é a aspiración máis alta, a máis ilustre carreira, a máis benéfica e incondicional condición. Vai para todas elas hoxe este canto porque son a gloria bendita da humanidade, a fada fermosa que mellor sabe sementar e coidar a semente, e regala, e verlle as flores, e recibirlle o froito, e volver sementar para recrearse no recordo e imaxinar o futuro.


A que mellor sabe invocar e rezar, e complacer. Aquel que buscou ou foi buscado, aquel que foi chamado polo amor ou chamou, probablemente é dono dun patrimonio inmenso do que nunca coñecería o fin. O amor da nai é a máis clara imaxe da abundancia inesgotable coa que nos premia o infinito, ¡benditas sexan!

Te puede interesar