Opinión

A eses papás

Un canto hoxe a eses pais marabillosos que temos no noso Ourense entrañable. A eses que souberon imaxinar -dende fora- que podería estar sentindo ela con aquela barriguiña cada vez máis grande. Ós que souberon animala, coidala, facer que se sentira protexida. A todos os que percibiron esa nova sensación e satisfacción de cando ó abrazala sabían que xa se abrazaban tres. A aqueles que se atoparon perdidos, confusos, co desorden emocional máis fermoso sufrido nunca. Aquel día que se abriron ante el os olliños daquel corpo diminuto que era sangue do seu sangue, a liña de amor máis directa ó seu propio corazón. Ós que choraron e ós que morderon os labios, ós que berraron de alegría e ós que o celebraron con contención, a todos eles felicidades, porque ensinaron ós seus pequenos a andar, a falar, a xesticular, a demostrar o afecto, a sorrir e acariciar, a soñar... soamente estando aí, pois xa sabedes ben que sodes sempre o seu espello, queréndoo ou non.


A eses pais porque lle ofrecen ós seus fillos -ofrecéndose- o mellor regalo imaxinado, o máis bonito: a súa presencia, o seu candor, a súa doce compaña. Cada pai é unha idea nova, un proxecto novo, unha ilusión nova dende o día que nace a esta categoría tan elevada (e de máxima responsabilidade) que é ser dadores e constructores dunha vida.


Vaia este cantar de paxariños para eses país que se desviven, que buscan no mellor e no máis profundo de sí, que collen ó seu fillo no aire e mírano igual ca se contemplaran unha supernova, algo que lle é tan propio pero que lle parece proceder da máis alta esfera do Universo. A eses pais que saben que alcanzaron a gloria como seres humanos, nese pequerrechiño que lle fixo estremecer a alma aquel bendito día que dixo pa-pá.



Te puede interesar