Opinión

Eses pequenos grandes homes

Como quen non quere a cousa, amigo lector, imos subindo peldaños no calendario e xaneiro xa morreu. Chegounos xa o ‘febreiriño corto cos seus 28, se dura un pouco máis non queda nin can nin gato, nin rato no burato’. E aínda que os ánimos económicos non están moi altos, si é certo que a luz vai facer que vexamos a cousa menos negra, xa que por ‘San Brais, hora e media máis’. Así que unha vez que despexe o ceo e se sacuda destas nubes un tanto impertinentes, volveranche brillar eses olliños alegres que se negan a apagarse porque son luz.


Lástima que esta apatía social estea reinando nos nosos días, lástima que quen nos meteu no burato non ¿poida ou non queira? Quitarnos, lastima que quen quixo vivir con galiña teña que pasar a sardiña, que como decía aquela muller ‘éche un asunto delicado’ pero nunha sociedade soberbia e prepotente ten que chegar a lección dalgún xeito e, coma sempre, serán os menos favorecidos os que paguen o parrulo. Eu quero lanzar o verso hoxe a favor deses homes e mulleres das nosas medianas e pequenas empresas (Pymes), estes traballadores de base que, con humildade e coherencia, con tesón e honestidade defenden cada día o seu, co seu suor e honor, abrindo as portas ó nacer o día, e pechándoas cando cadre.


Eses pequenos e medianos empresarios que manteñen o ritmo vital, o latir deste país ó que aínda lle pode o seu complexo de novo-rico. Lideran os seus negocios, a veces con preocupación, pero non desalentados, comprometidos e non desfalecidos, cansos pero non derrotados. Son os que persisten e por eso vencen, os que non queren darlle crédito as alarmistas crónicas que parecen dar todo por perdido. Son os que seguen ái cada día, como cada respiración, non só arranxando o seu e o da súa familia senón servindo moitas veces de alento e inspiración dos seus semellantes.


Por eso queren seguir dando o mellor de sí, sen sucumbir, sen perder a fe en sí mesmos. Polo seu entusiasmo que non perece, por ser peza clave na estructura do noso país, por ser referentes de moitos, por arriscarse por vontade propia en favor dun soño, dese soño que lle da de comer ós seus fillos. Por eles e elas, líderes e promotores das medianas e pequenas empresas a todos eles por ser tan grandes.



Te puede interesar