Opinión

A pitiña choca

Posto que ten a casa dos seus avós no pobo (igual ca Heidi), gústalle alimentar ás galiñas cada vez que vai a fin de semana. O rapaciño colle un feixiño de berzas e lévallas ás súas pitiñas. Senta nunha pedra, e coa paciencia de Job dallas unha por unha. Rodeado por todas elas que se disputan o posto de honor e o apetitoso trofeo. Sabe que teñen que comer ben para que poñan coa xema de cor laranxa. Sabe que se lle pon a cresta colorada e sabe que cantan con entusiasmo cando acaban de poñer. Decimos entón que sería bonito que vira tamén como se converten os ovos en pitiños. Así descubrirá que a vida sempre nace con calor. Puxemos os ovos chocos sobre a herba seca e preparámonos todos para comezar o experimento. Debo dicir que unha fabulosa mestra, Marita, levou a cabo esta experiencia cos seus nenos pequenos. Inspirados por esta xenial idea quixemos escoitar o seu consello: ‘Agora tédeslle que ir contando os días un a un ata que chegue ós 21, para que o neno viva intensamente o proceso’. Qué lástima que o sistema xubile a esas mestras sen máis e non se adique a recoller aquelo que deixaron feito e que as caracterizou de maneira tan singular.


Esta sería a mellor maneira de recoñecerlle o seu mérito e de reeducar e motivar ás nvoas xeracións poñéndolle estes exemplos vivos que cada día entregaron o mellor de sí ós nosos nenos. O seu legado tiña que ser aproveitado e ensalzado por toda a sociedade tan necesitada destas queridas e vocacinais mestras.


Todo estaba a punto, os ovos colocados no niño, a herbiña seca e suave, a primavera co sol lanzando brillos e a ilusión toda nos ollos do meu neno, só faltaba que a pitiña se colocara no sitio e que decidira dicirlle si a gran responsabilidade, cousa dela era incubar aquelas casiñas brancas nas que latía o noso soño. Un día púxose sobre eles pero fuxiu. Ceo santo 21 días, tres ciclos de sete, máxico número ¿teremos sorte? Houbo unha chamada dende o pobo, as avoas colaboraron sen descanso, e chega a boa nova: ‘A pititiña asentou’. Imaxínoa paciente e modosa, con cara maternal, abnegada e fiel á súa misión de dar vida, coa herba morna xa co seu calor, e nós, contando un a un os días ata que chegue o 21. Levarémoslle auga fresca coma se fora champán e falaremos da beleza de nacer. E o meu neno saberá que en algunhas cousas non se diferencia do pitiño, nin a galiña das mamás: a natureza sempre dando a gran lección... e o sol sobre nós incide unha vez máis en que el é fonte de todo o ben que nos rodea.



Te puede interesar