Opinión

Primavera

Moitas veces terás quedado, amigo lector, abraiado e admirado do poder da natureza e desa forza profunda que provén de todo o que late cando chega ela, a deusa máis florida, a Primavera. Probablemente teñas reparado nos brotes diminutos dalgúns arbustos ou nunha simple herbiña, e de cómo o verde se lle revoluciona, como se alegra a cor do talo e como rebenta de vida toda enteira. Impónselle a flor, e ti quedas preso e prendado dese acontecer -tan frecuente- pero tan cheo de misterio e delicadeza.

Os científicos dinnos que todo ser vivo ten cerebro e neste caso é o “cerebro” das prantas o que as avisa de que chegou o tempo de crear. A Natureza ten moito de artista, só ela é capaz de conseguir esa pátina nas cores e texturas, nas envolturas e veladuras máxicas, nos escorzos e trazos helicoidais que nos seducen a todos. Por eso tamén os artistas, ainda que queiran vivir coa arte dentro –silenciosa e persoal- chégalle un día -o seu día- no que teñen que “brotar”, sacar para fora, non se sabe por que glorioso misterio, ese don que levan dentro e que lles é imposto compartir cos demáis. Por eso ainda que a maioría de nós somos presa deste seductor imán da Natureza, son os artistas os que levan a mellor parte e atopan a felicidade na observación detallada e preciosista dunha árbore, dunha pedra, un río… e pásalle o tempo sobre eles, con ese “non facer” dos orientais na máis pura contemplación. É fermosísimo ver a gama inmensa que nos ofrece esta nosa terra de riqueza cromática incomparable, a nosa luz do norte sempre diferente e cambiante, de singulares contrastes que marca o noso carácter galaico aportándolle reflexión e poderío.

Os camiños convértense en museos naturais: unha pinga de auga sobre unha rosa pode ser unha canción de amor ou un poema á nostalxia, unha tea de araña sobre o embigo de Venus (couselo), ou o dente de león pode converterse na túa infancia por un momento e levarte ó máis profundo de ti e que –aínda que penses que non- segues sendo. A flor do trebo, humilde e caladiña, pode falar coa túa alma máis que un mantra de mil repeticións orquestradas. Todo está nela e todo é ela, pois somos Natureza. Sigamos disfrutando da máis fermosa meiga, Primavera, que chova, faga vento ou brille o sol neste espertar dos sentidos que nos permite soñar co real, co máis próximo e auténtico, a vida en plena ebulición.

Te puede interesar