Opinión

Sagrado Sil

Tecendo vai o Sil amor e versos, loando as fermosas ninfas que nel habitan. El dalle o canto e a flor de pensamento, el dalle o liño do vestido e o viño para avivarlle nos ollos a chispa do sol. El dalle a auga gloriosa do sacro ventre que o viu nacer.


Tecendo vai o Sil xestas e toxos, carpazas e carqueixas, milenarios castiñeiros, luz de carballos: monumentos creados pola terra nai, para deleite espiritual deses seus fillos de sacro monte e ribeira.


Tecendo vai no vento, o Sil, un miudiño cantar, unha cantiga de cantina que se deixa oír lonxana, pero sen perderse na lonxanía. A néboa do Sil nada deixa perder se é doce e fermoso, por eso bica a quen de el ben predica, a quen lle adorna en loubanzas o seu corpiño mollado verde e añil.


Noso Sil, profundo e frondoso de abundante caudal, que calmaches a miña sede e a dos meus pais e avós, noso Sil que me fixeches aprender dende ben nena que ‘o Sil leva a auga e o Miño leva a fama’, tempo é pois, que a túa singular e agreste fermosura sexa patrimonio do mundo e que che den por xustiza divina ‘a César o que é do César e a Deus o que é de Deus’.



Te puede interesar