Opinión

Víctor Campio: Premio Artes 2009

Recentemente concedéuselle no Café Isaac o premio das ‘Artes 2009’ ó noso benquerido e admirado mestre pola súa traxectoria profesional e pola súa humanidade. ¡Claro que si! Don Víctor naceu nunha terra da que se sente orgulloso e a ela lle entregou as súas máis fermosas flores, de aí que esta terriña súa amose tamén por el o seu orgullo. Somos moitos os que nos sumamos a esta iniciativa que parte deste café que valora e destaca ós nosos, os máis entrañables e queridos persoeiros.


Bo momento este, amigo lector, no lecer do verán, para volver ler ou descubrir o lume interno deste poeta. Bo momento para disfrutar do seu ‘aire a luz e o canto’, que publica ‘A arte de trovar’.


Un magnífico libro no que atopamos ó autor en plenitude, un amante da terra, dos devanceiros, o Víctor máis íntimo e batallador, o menhir máis rexo e o soñador máis amable. A conversa coa súa nai, co seu pai, consigo mesmo sendo neno: ‘Neno que existe e non existe’.


Poemas que nos arrincan a máis ardente tenrura en nai: -’Aquelas mans/estaban feitas pra me acariñar’.


E o máis amargo desgarro en pai: ‘Apagouse o teu sol que me quentaba como un sagrado lume e andei ó ventimperio, orfo de ti, vestindo xa por sempre/ os farrapos da ausencia./ Eu cumpría daquela nove anos’.


Víctor Campio é ‘a luz da amanecida’ é a ‘estrela presentida’ polos corazóns transparentes, é ese ‘anxo de luz’ que te namora se camiñas da súa man nesta Galicia de lírica arelanza, e se te deixas perder baixo o ceo da lúa grande, alí onde este mestre garda as chaves do amor, do misterio da vida, da dor, da eternidade, da aurora.


Se te deixas levar por el, amigo lector, recuperarás ‘nos espellos do mar o perfume da noite, e nas últimas praias do solpor a rosa de asombro dos teus ollos’.



Te puede interesar