Opinión

Volta ó cole

Volviches empezar o cole, meu neno lindo. Volve comezar para ti o tempo do lecer aprendendo, da rutina xogadora, do cada día envolto en números e letras, en adhesivos creativos e ceras de cores. O mundo multicolor que os labios da túa mestra traerá para ti dende o marabilloso reino dos contos e da fantasía. Xogarás a ser maior levantándote á túa hora e acudindo puntual a esa cita co saber. ¡Qué fermosura meuneno, poder usar as acuarelas e a arxila para crear cousas á túa medida! ¡Qué deus pequeniño te vas sentir! ¡Qué artista! Por eso che desexo co maior fervor, que a túa chegada sexa armoniosa e serena, que a estancia sexa enriquecedora e feliz e que a despedida sexa nostálxica, porque todo o que moito se ama e se disfruta, moito nos amorriña despois cando se vai.


Deséxoche que aprendas a voar moi alto e veloz e que tamén tomes terra -como bo piloto- cando teñas que ser forte e valeroso.


Desexo que rías moito (a risa é un río de amor) que xogues moito, que cantes e bailes moito. Por favor, soña para todos un mundo feliz no que os lobos se fagan bos, soña con moita paz e con personaxes guapos e de nobreza contaxiosa. Sube sen parar pola escada da imaxinación e inventa, crea, ilumina, contempla, saborea, palpa e nútrete de todo eso que é invisible pero que xa está dándolle forma o teu ser. ¡Qué bonita esa cabeciña túa, furtiva de ideas, chea de sustancias transparentes! Que o curso que comeza sexa unha viaxe a través de ti, por ti, contigo, e para ti. Que sendo ti mesmo, descubras todo o que aínda máis, podes chegar a ser. Feliz curso, meu neno lindo, e xa sabes: ¡¡¡a soñar!!!

Te puede interesar