Opinión

Catecismo

Rebulindo a outra tarde nunha caixa esquecida no faiado da miña casa, topeime cun exemplar do Catecismo do padre Astete, un libro que, como tantos nenos daquela época, cheguei a aprender de memoria de principio a fin, pois tal era o precepto. Libro escrito polo padre Gaspar Astete no século XVI, e que ao longo da historia suscitou, á par que eloxios acendidos, as críticas máis feroces. Loanzas e descualificacións nas que eu non vou entrar aquí. En todo caso, remitir, ao respecto, a un interesante artigo do teólogo Miret Magdalena publicado no 2005 na Rev. de Educ. do MEC baixo título ‘Los catecismos: pros y contras como caminos de enseñanza religiosa’.


Sen entrar no fondo do seu contido, o que non acabo de comprender a estas alturas da miña vida é aquela teima das autoridades relixiosas de manter intactos os vocábulos e xiros do orixinal, tan fóra do alcance dos seus principais destinatarios, os nenos. Con dificultade engadida para os nenos galegos. Así, non é de estrañar que fixésemos traducións disparatadas de tales expresión, ou quedar coma parvos ante frases que nos sumían en total desconcerto.


‘No comer carne, ni huevos ni lacticinios’. Entendía eu o da carne e o dos ovos, pero interpretaba o de lacticinios como cousas roubadas, latrocinios de pitas. ‘¿Que se veda en nono mandamiento? No desearás la mujer de tu prójimo’. Tiña oído falar da veda ao Demetrio de Santrandel, que era cazador. ¿Pero que tiña que ver un ‘Mandamiento’ coas cousas da caza? ¿E que era iso de no desearás ‘la mujer de tu prójimo?’. ¿E o ‘nono’, que era? Había unha referencia ao ‘Espíritu Santo Paráclito’, que eu na miña ignorancia traducía por paralítico, que era a palabra que máis se lle parecía. ‘Jurar sin causa grave o por cosas de poco momento’. ¿Qué eran esas cousas de ‘poco momento’? Un poco momento que, aínda hoxe, non sei moi ben como interpretar. ‘Codicias sensuales y deseos de hacienda’. ¡Cantas veces tiven que repetir entón o das codicias sensuales e deseos de hacienda -sen ningún sentido para min- para que se me quedasen na cabeza! Algo parecido me pasaba co de ‘Tomar a colación lo que usa’. E o mesmo, ‘Contra avaricia, largueza’. Ou o máis enrevesado, ‘El tercero, longanimidad’. Por suposto que non sabía o significado de ‘longanimidad’; pero aquí o maior problema residía na súa pronunciación ao dar a resposta, na que sempre me trabucaba. E logo estaban as ‘Pompas y vanidades’, os ‘Sucios e carnales deleites’, as ‘Reliquias de la mala vida pasada’, e a pregunta ‘¿Como se vence y huye de la carne?’.


Linguaxe abstruso (permítaseme), inintelixible para a gran maioría da xente, e completamente fóra de lugar para moitos cativos aos que incluso nos resultaba estraño o castelán máis elemental.



Te puede interesar