Opinión

CHUO

Vai algo máis de dous anos escribía eu nesta mesma columna (desculpen a miña apelación ó xa escrito) que a importancia dun centro hospitalario haberá que medila pola súa organización xeral, pola idoneidade e hixiene das súas instalacións, pola competencia dos seus profesionais, polas investigacións que está a levar a cabo no eido da medicina e, sobre todo, pola variedade e calidade dos seus servizos. Sendo o do seu nome, aspecto de moita menor relevancia. Agora ben, de menor relevancia, si, pero non cuestión banal. Confesando entón, abertamente, que a min o nome de CHOU para un complexo hospitalario non me gustaba nada. (Incluso algúns falaban de imaxes de extrema vulgaridade que lles evocaba a súa pronunciación, 'nada en consonancia con los de una institución tan seria'). Rematando aquela columna co rogo de que se convocase un concurso por dar canto antes cun nome aceptado pola maioría, e que, ó tempo, lle cadrase ben a súa función.


Non é de estrañar, pois, a miña ledicia indisimulada (¿sería resposta ó meu rogo?) cando me chegaron noticias de que, por fin, se encontrara unha nova sigla para nomear ó noso complexo hospitalario. Pero foi contento que duraría moi pouco, xa que todo se me veu abaixo en canto tiven información da cativa envergadura do cambio. Cambio mínimo que consistiu en trocar o orden das dúas últimas vogais, e alí onde antes puña CHOU (Complexo Hospitalario OUrensán), en adiante será CHUO (Complejo Hospitalario Universitario Orensano). En fin, permítase a ironía, todo un derroche de enxeño. Cando eu daquela pedía cambio de nome, non era, este, o cambio no que pensaba. Ocasión perdida, pois. Argumentaráseme que foi o modo de meter na sigla un U que recollese a cualificación universitaria que acababa de obter o complexo. Xa. Pero había outras maneiras de facelo posto que o nome CHOU xa contiña a vogal U para darlle entrada a tan alto recoñecemento: Complexo Hospitalario Ourensán Universitario. Repito, ocasión perdida. Ou, ¿non será que detrás desta manobra sen xeito se escondan razóns ocultas? Tamén puidera ser. Pero non nos poñamos no malo e vaimos ó práctico. Con exemplos concretos nas súas versións galega e castelá. 'Estou no CHOU', 'Estou no CHUO'. 'Voy de camino para el CHOU', 'Voy de camino para el CHUO'.


¿Qué diferenza hai? Practicamente, ningunha. En todo caso, o CHUO sen acento en U, ven a introducir unha cacofonía innecesaria, e da que carecía o vello CHOU.

Te puede interesar