Opinión

COMPARANZAS

Haberá alguén que non teña escoitado algunha vez o dito 'Todas as comparacións son odiosas'? Raro sería, porque é frase da que botan man todos aqueles que tratan de salientar os propios méritos, ou os dos seus achegados, en detrimento dos doutras persoas. Tal así: 'Aínda que todas as comparacións son odiosas, teño que dicir que, en asuntos de fútbol, eu a ese individuo doulle cen mil voltas'. Co que se expón a que un dos oíntes lle solte á cara: 'Se tan odiosas son para ti as comparacións, pois non as fagas, que naide chas pediu', e o poña en evidencia diante dos demais.


Logo están esoutras comparacións nas que o segundo termo das mesmas se toma como mera referencia, non como confrontación, das peculiaridades, positivas ou negativas, da persoa comparada. Sirvan como exemplos: Ese pobre home traballa coma un burro. A túa tía é máis lista ca un allo. Este neno é peor ca un demoño. A señora Laila fala coma unha cotorra. O noso meniño dórmeche coma un auténtico leirón. Aquel individuo era máis malo ca unha hiena. Burros, allos, demoños, cotorras, hienas, leiróns, linces, víboras, sabañons, doniñas, ... como termos de referencia. Pois ben, dentro deste apartado (o do segundo termo de comparación) hai dous colectivos que destacan entre todos os demais: o dos arrieiros/carreteiros, e o dos anxos.


Pobres arrieiros! Aínda hoxe, e xa sen oficio, continúan a tomarse como referencia para pór de relevo os vicios e defectos de individuos moi pouco exemplares. Ese fulano bebe coma un arrieiro. Ese fuma coma un carreteiro. Xura coma un carreteiro. Maldí coma un arrieiro. Berra coma un carreteiro.


Vaiamos, por último, ó capítulo dos anxos. 'Mi asistenta plancha como los ángeles' (expresión tomada dunha señora de moito nome, e publicada en revista seria).


Esa soprano canta como los ángeles. Este niño ríe como un angelito. Aquella señora cocinaba como los ángeles. Pois ben, nada que obxectar, aínda que resulte algo esaxerado, a comparación da voz fermosa dunha cantora coa dun anxo do ceo. Tampouco cadra nada mal comparar o sorriso dun neno pequeno co sorriso deses tenros querubíns que tanto e tan ben retrataron os pintores antigos. En cambio, qué difícil se nos fai maxinar (cando menos, a min) a un anxo pasándolle o ferro a unha camisa, ou bordando un pano en punto de cruz, ou fritindo unhas patacas ou, aínda peor, fregando na louza. Penso eu que ó falar destas cousas deberiamos expresarnos cun pouco máis de comedimento, polo que pode resultar.

Te puede interesar