Opinión

CRISE

Normalmente, todo suceso ou situación negativa de gran transcendencia social populariza en moi pouco tempo termos e expresións verbais reservados de ordinario a persoas versadas no tema en cuestión. A ver. Uns anos atrás, ¿a cantas persoas, alleas ó mundo da economía, se lles oía falar de primas de risco, activos tóxicos, rating AAA, rating B-, axencias de cualificación, bonos basura, créditos subprime? Penso que a moi poucas. En cambio agora, sumidos de cheo nesta crise que nos asola, non hai charla de café na que, por darnos de sabidos, non fagamos uso dalgún deses termos. O que quedaría en simple anécdota de café se non fose que tanto estas expresións como outras moito máis correntes están a dar conta, dende o campo da linguaxe, dunha realidade económico laboral de extrema dureza, e á que, cando menos a curto prazo, non se lle albisca solución. Cerre de empresas, paro, recortes salariais, hipotecas, reforma laboral, crise financeira, corrupción, despedimentos, quebras, fraude fiscal, recesión, bancarrota, suba de impostos, sobornos, conxelación salarial, desafiuzamentos, desbarate.


Á vista do listado anterior, pensei que sería de interese constatar o grao de preocupación dos cidadáns en relación cos distintos problemas ós que cada un deses vocábulos fai referencia. Foi así como apelei ó buscador google para facer reconto do número de entradas desas expresións en internet. E por si puidese existir algunha relación entre o número entradas en internet e o grao de preocupación dos cidadáns respecto a cada un deses problemas.


Proceso e resultados. Circunscribindo a busca no programa google a 'Páginas de España' (en castelán) e ao intervalo 'Último año' (do 10/2/2011-10/2/2012), estes foron os resultados: Cierre de empresas, 47.9 millóns de referencias. Recortes sociales, 40.4 millóns. Paro, 35.9 millóns. Deuda pública, 23.1 millóns. Hipotecas, 18.1 millóns. Crisis económica, 11.7 millóns. Reforma laboral, 11.5 millóns. Cajas de Ahorros, 10.9 millóns. Corrupción, 4.0 millóns. Despidos, 3.7 millóns. Quiebras, 3.7 millóns. Déficit público, 3.2 millóns. Recesión, 3.2 millóns. Prima de riesgo, 2.8 millóns. Fraude fiscal, 1.3 millóns. Desahucios, 1.5 millóns. Despilfarro, 1.5 millóns.

Te puede interesar