Opinión

ELECCIÓNS

En vésperas das pasadas eleccións autonómicas (2009) recollía nesta columna os slogans que, sen distinción de partido, andaba en boca de todos os políticos. Tales eran: Pór en valor, Remar todos na mesma dirección, Tolerancia cero, Tsunami económico. Xa que próximos uns novos comicios, pensei que sería oportuno volver sobre o tema por se puidese interesarlles ás distintas formacións.


En primeiro lugar, se me vise no caso, eu non faría uso dos slogans anteriores. E direi porqué. O de Pór en valor, por ser expresión que a maioría da xente nunca chegou a entender. O de Remar todos na mesma dirección, por ser metáfora que se viña prestando á broma; ata cheguei a oír iso de 'Remar todos na mesma dirección para asomar antes ó precipicio'. Tolerancia cero. Para min o slogan máis logrado de todos; pero foron tantas as aplicacións que se lle deu que o esnafraron por aburrimento. O de Tsunami económico a min nunca me convenceu; e, nestes momentos, o seu uso incluso soaría a escarnio.


Qué quedaría, pois. Empezarei por dicir que nos dous últimos anos, e polo que a min se me alcanza, non se levan ideado expresións de gran impacto. Tan frouxas, tan pouco rompedoras, que a maioría delas nin sequera paga a pena traelas aquí. Si ten habido algunhas con certa fortuna que, en ausencia doutras mellores, talvez non conviría esquecer. Falo de 'Señoras e señores, estou en condicións de asegurar que, o noso, é un proxecto de moi longo recorrido' (pronunciar recalcando, saboreando, cada unha das palabras). Outra, 'Consecuentes co noso programa, declararémoslle a guerra ós activos tóxicos' (soltar no transcurso do mitin, ó falar de economía). Outra, 'Espero e desexo que ...' (frase comodín, moi de moda hoxe). Outra máis, 'Nuestra ilusión se inscribe en el nuevo esquema operativo que vamos liderar' (que en realidade non quere dicir nada, pero quizais aí resida a clave do seu posible éxito). Tamén, 'Queridos amigos, nesta ocasión vou falarvos dunha aposta de futuro moi seria' (introdución que eu reservaría para o discurso final de campaña). E tampouco descartaría certas expresións que, aínda que choqueiras, hai un sector do electorado que gusta delas.


Por último, e polo moito que locen, conviría intensificar o emprego de citas sisudas dos máis grandes pensadores da historia. (Consultar en internet). Houbo un tempo que se eran en latín, moito mellor; pero os tempos cambian, e agora o latín xa non vende. Isto é todo.

Te puede interesar