Opinión

MÉXICO

Os datos son macabros, pero responden á realidade do lugar e aos titulares dos xornais de onde eu os saquei. Vaia como aviso.


Dende hai uns meses veño seguindo a través dos diarios dixitais mexicanos as noticias sobre a vaga de terror que asola ó país, nun vórtice imparable de asasinatos, atracos, torturas, secuestros, axustes de contas, extorsións, violacións. Con cifras de accións violentas que, se desmedidas en todo o pais, no estado de Chihuahua, cunha poboación pouco maior que a de Galicia, alcanzan niveis de calafrío. Estado de Chihuahua, ano 2010: 7.200 asasinatos. (En Ciudad Juárez, dese mesmo Estado, e que apenas pasa do millón de habitantes, 4.000 asasinatos.)


Outras cifras: No presente ano xa se levan localizado 49 narcotumbas. A maioría delas no estado de Tamaulipas, con 147 cadáveres; nas de Durango, 16 cadáveres; nas de Sonora e Sinaloa, 18. Indo a noticias do día a día: 'En Nuevo León asesinan a 12 personas'. 'Sicarios matan a 5 jóvenes'. 'Pistoleros liquidan a 6'. 'Balacera en Veracruz deja 10 muertos'. 'Comando armado irrumpe en velatorio de joven asesinado y mata a 6 personas'. 'Asesinan a 12 personas en dos masacres en Chihuahua capital, en Viernes Santo'. 'En Semana Santa se registran 79 ejecuciones en Sinaloa'. 'En Acapulco degüellan a 5 trabajadoras de un local de estética'. E así.


Un horror que se acentúa (desculpen a crueza da linguaxe) cando nos falan dos modos empregados polos asasinos coas súas vítimas: 'Hallan 8 cadáveres maniatados, todos con huellas de tortura', 'Torturan y degüellan a tres'. 'Localizan dos cadáveres con las piernas amputadas y sin cabeza'. 'Fusilan a tres, que fueran brutalmente torturados'. 'Raptan, violan y matan a dos mujeres'. 'Dos ejecutados; les arrancaron la piel'. 'Clavan cabeza de víctima en una varilla'. E outros peores. Qué cáles os desencadeantes de tanta atrocidade. Xeralmente vense apuntando ó narcotráfico como responsable máximo da maioría dos crimes. Si, pero tamén están o atraco, a extorsión, a corrupción, a trata de blancas, o tráfico de armas, o tráfico de inmigrantes, ¿o tráfico de órganos?...


De cando en cando chegan noticias dende México dando conta da morte ou o secuestro de persoas de orixe galego. Pena nos familiares e amigos. Expresións de mágoa nas outras xentes. Mais, o mundo segue, México cae lonxe, e qué se lle vai facer, qué.

Te puede interesar