Opinión

MORTE

Se eu dixese, por dicir, que hai días que nin sequera son bos para morrer, posiblemente alguén pensaría, e con razón, que mellor que estivese calado. Porque no tocante a cousas moi serias non vale andar nin con xogos de palabras nin moito menos con saídas graciosas. ¿Logo, qué? A ver se me explico. Isto que estou a escribir agora non aparecerá publicado ata dentro dunha semana cando as noticias de hoxe, e a salvo das que se renoven cada día, serán para entón case todas vellas. ¿Que cales son estas noticias? Aí van as de maior impacto:


Publica a prensa de hoxe a filtración de documentos secretos do Departamento de Estado de EEUU. Xornada na que se enfrontan, en 'partido de fútbol do século', o Real Madrid e o Fútbol Club Barcelona. Día no que se comenta a derrota de Nadal na Copa de Mestres. Día de resaca das eleccións catalás, con descalabros que marcan época. Día no que as estradas de media España estás colapsadas pola neve. Día de pánico na débeda española, onde a prima de risco acada cifras record. Día 'histórico' para Galicia, cando se fai oficial a fusión das dúas caixas galegas.


Con tantas, e tan importantes noticias, non é de estrañar que pasase case desapercibida a mala nova, procedente de México, na que se daba conta do vil asasinato dunha muller de ben. Dona Hermila García, de 38 anos de idade, primeira muller que aceptara o cargo de xefa de Seguridad Pública Municipal do concello de Meoqui, estado de Chihuahua, resultou abatida por disparos realizados por un grupo de matóns que lle saíran ao encontro cando se dirixía ó seu traballo. Levaba no posto tan só dous meses e medio, posto ó que, pola súa perigosidade, ninguén máis optara. ¿Arrogancia de muller insensata por ter asumido un cargo de tanto risco? Non. Consciente era dona Hermila, talvez máis que ninguén, dos perigos que lle agardaban no seu novo destino. Había pouco dixera: 'Aquí la gente tiene miedo, todos tenemos miedo, pero vamos a cambiar ese mundo por seguridad'. Un mundo de masacres que así mesmo están a padecer a diario Juárez, Tijuana, Chihuahua, Culiacán, e tantas outras cidades de México. Tan necesitadas, todas, de homes e mulleres da grandeza de dona Hermila.


Pena por suceso tan triste, e mágoa que, por acumulación de noticias, pasase desapercibido o asasinato dunha muller que expuxera a súa propia vida por acabar con aquel mundo de bandidaxe e de morte.

Te puede interesar