Opinión

RESINTONIZACIÓN

Cando aínda non se cumpriu un ano da implantación da TDT, estes días estanos a chegar aviso de que, por mor dunha 'reordenación de frecuencias', teremos que resintonizar os televisores. Qué difícil nolo poñen. ¡Tempos, aqueles, nos que había unha soa cadea!


Foi a principio da década dos 60 (¿ou a finais dos 50?) cando tiven as primeiras noticias de que en Ourense, capital, xa podía verse a televisión. Contaban, os que sabían, que no televisor había de todo: obras de teatro, películas de risa e de vaqueros, bailes andaluces, cantantes cubanos, bandas de música, fútbol, coros e danzas... Isto era o que se falaba. Pero aínda tería que pasar bastante tempo antes de que eu tivese a oportunidade de contemplar as primeiras imaxes de televisión. Que sería unha tarde de luns, na cafetería Coralín (a máis moderna da cidade da época), en compañía doutros catro colegas. O da tarde de luns non era algo casual, xa que era o día no que emitían as xogadas máis importantes dos partidos de fútbol do día anterior. Ao entrar no local, o primeiro que me chamou a atención foi a expresión de arroubo que amosaban os asistentes, todos coa boca aberta e os ollos cravados na pantalla. Actitude que, de repente, deu paso a expresións de xúbilo e insultos brutais, que acompañaban de asubíos e aplausos estrondosos. Pero, qué verán estes, pensei para min. Porque na pantalla non se vía nada; mellor dito, nada claro. Eu miraba para alí, e tan só vía unha especie de monstros desacougantes, que en algo recordaban figuran humanas, e que corrían dun lado para outro como tolos. Figuras sen contornos definidos, feitas de muxicas brancas e negras apreciándose, de cando en vez, que os tales andaban a patadas contra unha bola de neve. Si se oía a voz entrecortada dun home ó que tan só se lle entendían palabras soltas: Corner, Garay, penalti, Di Stéfano, chuta, Carmelo, gol, imparable. ¡Estaba claro: aquilo era un partido de fútbol! E onde a voz e a imaxe do aparato se volvían confusas (por pobreza do sinal) alí estaban os apaixonados espectadores para botarlles imaxinación.


En calquera caso, a tarde resultou moi grata para min. En maior medida porque José Antonio Paz, que fora o noso delegado de curso en sexto de bacharelato no instituto Otero Pedrayo, e fillo do dono do café, perdoounos o importe das consumición ós cinco.


Son recordos de tempos xa distantes, e que agora se me volven moi vivos con isto da resintonización.

Te puede interesar