Opinión

SAÚDOS

Segundo os entendidos no tema, os saúdos entre seres humanos estrutúranse en dous grandes grupos: saúdos verbais e saúdos non verbais. Saúdos que ó longo da historia foron adoptando formas diversas, en función do país de orixe e da época de aparición. Larga se faría a simple enumeración dos saúdos máis coñecidos. Polo que hoxe, por razón de espazo, farei referencia, tan só, ós do grupo dos non verbais, deixando os verbais para outro día.


Abrazos, máis ou menos efusivos. Bicos nas meixelas, bicos nas mans, bicos na boca. Roces de nariz. Tocarse os xeonllos co reverso da man. Apertóns de mans. Agarrarse dos pulsos. Saúdo militar, levando a man dereita á cabeza ou ó peito, e case sempre acompañados de estralos de tacón. Saúdos brazo en alto, puño en alto. Mans xuntas, con lixeira inclinación de cabeza. Empurróns cariñosos.... Relación incompleta, e sen entrar en detalle. Agora ben, hai dúas formas de saúdo nas que me quero parar algo máis, unha delas, por moderna, e a outra, por exclusiva.


Recente ven sendo o costume dunha modalidade de abrazo no que dúas persoas se refregan mutuamente as costas coas palmas das mans. É un saúdo que o mesmo vale para manifestacións de alegría, de encontro feliz, que para momentos de despedida ou de moita tristeza. Un saúdo novo que tal vez xurdise como reacción natural contra os palmetazos brutais que algúns bárbaros estaban a dar nas costas dos outros.


Por último, está o saúdo que eu chamaría 'en lanza', e que, ata o momento, só llo vin practicar a unha persoa. Un saúdo exclusivo, consecuencia dun defecto que padecía aquela no dedo índice da man dereita, ríxido sempre, e totalmente imposibilitado para realizar a máis leve articulación. Un dedo anormalmente longo, e que remataba en uña de gran consistencia. Nunca o facía por mal, porque era boa persoa, pero cada vez que se paraba a falar con homes ou mulleres lanzaba o dedo lacerante contra as costelas duns e outras. Segundo dicía (coas súas palabras), era coma un impulso automático incapaz de controlar. Os que sabían do seu trastorno tomaban precaucións, cubríndose cos brazos, para que o dolor resultase máis soportable. Pero se no transcurso da conversa o seu interlocutor lle levaba a contra, ela, ao berro de 'intíndeme!' (enténdeme), lanzaba de novo o dedo as costelas aquel, quen, sen máis espera, fuxía espavorecido rabiando de dolor.


Total, nimiedades que tamén forman parte da vida.

Te puede interesar