Opinión

TANATORIOS

Na nosa provincia non hai semana sen posta en funcionamento dun novo tanatorio. Un, cando menos. Tal o seu ritmo de crecemento que, a non ser para os habitantes do lugar, a posta en servizo dun novo centro funerario pasa desapercibida incluso para os pobos da contorna. Logo entón, algo extraordinario tería que haber para que a inauguración dun pequeno tanatorio chegase a ser noticia comentada en toda a provincia, como así aconteceu nun caso ben recente. ¿E, que houbera de extraordinario alí? Pois, por un lado, que foi acto ó que asistiron a maioría dos veciños do concello, por outro, que contou cunha nutrida representación de autoridades municipais e provinciais, e finalmente, sen dúbida o máis novidoso, que despois dos parabéns do momento e dos discursos de rigor, todos os asistentes foron agasallados cun refrixerio ben servido nos propios locais do tanatorio.


Como era de esperar, non tardaron en oírse voces, discrepantes entre si, sobre o sentido e oportunidade do acto. 'Mala idea, e de mal gusto, a de mesturar as cousas da morte coas cousas de comer'. 'Eu penso que fixeron ben, pois é unha maneira de xuntar ós veciños nun acto bonito para quitarlle tristeza ó asunto'. 'A mi estos modernismos no me gustan nada. De verdad, no los entiendo'. 'Non sei de qué se espantan algúns. O banquete funerario forma parte da cultura universal. ¿Ou é que non oíron falar dos banquetes pantagruélicos que exipcios, etruscos, gregos e outros moitos pobos organizaban en honra dos defuntos? E sen saír deiquí, houbo un tempo, non tan antigo, no que na maioría das casas da aldea o día de enterro dun familiar era día de abundancia na mesa'.


No meu caso, e despois de darlle moitas voltas a cuestión sen resultado que me convencese, viñéronseme á memoria aqueles buliciosos velorios de cando eu era rapaz aos que tampouco lles eran alleas as cousas de comer e beber. Noite de velorio, en hora avanzada. Cando de continuo se abrían as bocas (pola fame ou polo sono), cando o persoal empezaba a estar canso de tanto xogo e tanta conversa, cando os máis impacientes, nerviosos, reclamaban polo baixo o peperete de costume, cando tal acontecía, entraban en acción as choronas das ánimas, moi profesionais no seu. Os prantos desgarrados das choronas servían de sinal para que as encargadas das bandexas comezasen co reparto de galletas de maría e das copas de licor. En todas as casas había agasallo, aínda nas máis pobres.

Te puede interesar