Opinión

TERCEIRA PARTE

Adiferenza doutras veces nas que o título da columna xorde sen máis, nesta ocasión, pola multiplicidade de títulos que se me viñeron á cabeza, tardei bastante en me decidir. (Así, foron aparecendo: Chove na casa do pobre, Estaba visto, Que lles aproveite, Non hai de que darllas, Todo fora un sono, Un novo fracaso, Ninguén fixo nada, A quén lle importa, Qué máis dá, De quén é a culpa. E outros máis). Optando finalmente polo de 'Terceira Parte' que, se ben o máis ordinario de todos, dalgún modo liga cos títulos de dous artigos anteriores sobre a mesma cuestión, 'Pobre Trasmiras', un, e 'Pobre Trasmiras. Segunda Parte', o outro. Tres partes, tres momentos distintos dun mesmo proceso.


Foi a semana pasada cando o xornal Expansión publicou a noticia: 'Andalucía gana el supercentro del EADS para aviones no tripulados'. Que é tanto como dicir que o supercentro cósmico aeronáutico do que vai un par de anos tanto se falou, non se emprazará en Trasmiras.


Rememoro agora aquel primeiro momento de ilusión no que se facía anuncio de inversións millonarias, coa conseguinte creación de miles e miles de postos de traballo. Unhas inversións que incluían a construción da primeira base mundial de vehículos aéreos non tripulados, a construción do heliporto máis importante de España, a instalación dunha base da NASA. Tamén, centros de estudos aeronáuticos, observatorios espaciais, áreas residenciais ultramodernas. Trasmiras, o meu concello, nacía por fin a unha nova vida, abandonando xa para sempre o seu pasado de penalidades, de desleixo, de emigración, de miserias. ¿Cabería máis ventura?


Pero ventura que se trocou en amargor, ai!, cando nun segundo momento chegaron noticias de que coa retirada de Alemaña, socio necesario, se facía inviable a realización do proxecto. E todo se veu abaixo. En tal situación, non quedaba outra saída que racionalizar o fracaso. 'Habería un ruído de inferno. O perigo sería moito. Eiquí a vida sería insoportable. A riqueza e os empregos serían para os de afora. Teriamos que emigrar'. E houbo conformidade aparente. Unha conformidade que se quebraría no terceiro momento coa noticia aparecida en Expansión onde se daba conta que o tal supercentro irá para terras andaluzas. Logo entón, o do problema de financiamento fora todo un engano. E as reticencias que mostraramos algúns sobre as bondades da aventura andaban erradas. Polo visto, non había nada malo detrás. Porque de haber algo malo, o supercentro quedaría por aquí. Seguro.

Te puede interesar