Opinión

26 de maio: tres anos letais para Ourense

Facer balance hoxe que se cumpren 3 anos das eleccións municipais que remataron coa chegada de Gonzalo Jácome á Alcaldía de Ourense non sería posible nunca sen a colaboración inestimable do Partido Popular. Nin tampouco sería obxectiva sen lembrar aquel anterior goberno municipal en minoría do PP de Jesús Vázquez que dirixiu, con pouca dilixencia, a cidade nos 4 anos anteriores a Jácome.

O tándem tóxico de Jácome, Feijóo e Baltar conseguiu artellar en 2019 un pacto “letal” co demo para traer o inferno a Ourense. Un pacto que só entenden os que se benefician del, tapando o nariz e os ollos; gardando silencio cómplice e desleal con cidadáns que os elixiron para representalos e defender un mellor futuro para a súa cidade.

Tamén o entenden aqueles aos que lles fai unha frívola gracia o “espectáculo Jácome”, e entenden que non está mal ser trending topic nacional por agresións a mulleres, políticos, xornalistas, funcionarios, sindicalistas e veciños, ou por frikadas e condutas inaceptables nun responsable público. O show entreténnos e distráenos, mentres se despilfarran cartos públicos en contratar asesores, se segue a financiar unha televisión privada cuxos beneficios se embolsa o rexidor, se subvencionan porteos de santos, se baten récords de contratos menores “a dedo”, se enche a rúa Concordia de escaleiras mecánicas sen saber o que nos vai costar mantelas, e se van anunciando e diluíndo acuaparks, rañaceos, mapamundis, megasoterramentos, etc.

É a nosa obriga recordar a hipoteca de peches e paralizacións que Jácome e o PP deixarán a Ourense no 2023, porque o ruído fai esquecer ás veces o importante: o Centro de Coñecemento da Molinera, o Centro de Iniciativas Empresariais, o Museo Municipal, o Espazo Lusquiños, o Camping de Untes, a OMIC, a UPO, o novo PXOM, o Plan Especial das Burgas, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, a Axenda 2030, a Praza de Abastos da Ponte e a Praza de Abastos núm. 1, a oficina municipal do PERI, as termas, a renovación das concesións de servizos esenciais como a auga, o lixo ou o transporte urbano. Sen esquecer nunca a maior de todas as hipotecas: o cambiazo do proxecto da estación intermodal do AVE e o pendello da estación de buses, ademais dos novos centros de saúde eternamente pendentes do Vinteún e Mariñamansa ou a reactivación urxente das obras do novo CAPD de Ourense que agora lle tocarán a Rueda, a herdanza do ourensán Feijóo, dende hai moitos anos xa con cabeza e corazón en Madrid.

O “non proxecto de cidade” de PP e DO no que estamos instalados é o “proxecto” das fotos sen feitos, do circo mediático, do chapapote e da festa cutre subvencionada, o da parálise e a degradación institucional. E o de tentar facer crer á cidadáns hastiados desta política absurda que todos somos iguais, insultando a intelixencia e o criterio da cidadanía.

Pero non nos enganemos: nin todos somos iguais nin os responsables do problema poden ser parte da solución, e menos aquí, onde xa hai, e haberá máis no ano que queda, danos irreversibles para a institución municipal e para o futuro da cidade.

En Ourense non estamos para que o PP tente blanquear a súa desfeita con Jácome con candidatos “estrela”, candidaturas ou alianzas novas/vellas nas que priman os intereses persoais e económicos sobre o público, con cheiro a especulación e a vellas malas praxes. Veñen tempos de renovación e rexeneración democrática, non de tributos ao transfuguismo e ao caciquismo, aos cambiazos e aos pelotazos urbanísticos.

Ourense debe pasar esta páxina noxenta da súa historia, recuperar a dignidade secuestrada por Jácome e os seus cómplices do Partido Popular. Voltar á normalidade e á responsabilidade política, que non poden representar os que os izaron a bandeira da parálise, o retroceso e a antipolítica no Concello.

O resultado da xestión municipal dos últimos sete anos é dramático. Pero pode e debe haber esperanza e alternativa. Non se pode negar a frustración persoal e política de non poder acadar un acordo para desbloquear esta situación excepcional dos últimos 3 anos e ser incapaces de evitar a condea doutro ano máis para Ourense. Pero o único culpable é o PP, que tendo más súas mans a posibilidade de construír un pacto de normalidade democrática no Concello elixiu o esperpento, e foi inventando sucesivas e incalificables excusas para mantelo ata o final, agardando, quizais, que en 2023 a cidadanía esqueza a súa irresponsabilidade institucional e política. Os cidadáns non deberían esquecelo, porque está en xogo recuperar o verdadeiro sentido da política. Aquela que se fai a carón da xente, con humildade, compromiso e tentando construír un futuro libre de hipotecas e cheo de proxectos, que nos devolva a ilusión e as ganas de seguir a vivir na terceira cidade (aínda) do noso país.

O Ourense que queremos e que merecemos.

Te puede interesar