Opinión

Un síntoma da perda de memoria cultural ourensá

A perda da memoria é un mal silandeiro. A persoa que o padece moitas veces non é quen de notar a merma da súa facultade ata que o proceso é algo irreversible. De igual modo a sociedade pode padecer un mal análogo. A memoria coletiva, recollida en documentos de arquivo, pode verse minguada sen que o dano sexa percibido, aínda que a afectación sexa fonda. Esta reflexión ten a súa orixe no expurgo documental que o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) veuse obrigado a facer na súa delegación de Ourense.

Razóns de índole interna, a necesaria adaptación a unha realidade máis menesterosa que a existente hai non moitos anos, fixeron necesario racionali-ar custes de aluguer nos que se veu afectada unha parte relativa dos seus fondos documentais. Houbo unha prolongada busca dunha superación amable do problema, incluso se barallou a posibilidade de trasladar fondos ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu); solución parella á que se deu no pasado noutras provincias galegas. Non obstante, o corolario do asunto supuxo a eliminación de retazos da memoria do COAG, da nosa memoria.

Informado polo propio Colexio souben que foron salvados da criba os expedientes de obras históricos ata 1975, os posteriores que polo seu relevo eran digno da pervivencia (a xuízo do colexio) e aqueles incoados despois do 2003, para garantir a seguranza xurídica dos seguros decenais vixentes. É unha boa noticia que o expurgo non afectase a máis documentos. E da certa tranquilidade saber que daquelo que foi eliminado haberá, como estipula a normativa, unha copia nos arquivos dos concellos. Non obstante, o feito non deixa de ser un síntoma da perda da memoria colectiva ourensá á que nos aboca a carencia de infraestruturas administrativas e culturais axeitadas.

Dende mediados dos 80, o AHPOu sufre un colapso vital que non merece esta sociedade. Un cúmulo de circunstancias etéreas actuaron in solidum ata hoxe para evitar que dipoñamos dunha memoria colectiva sana, dun lugar onde gardar milleiros de documentos espallados polas dependencias administrativas. Agardemos que por fin os elementos nos sexan favorables e podamos responder ás necesidades socioculturais. É preciso non deixar de tener fe en San Francisco, enténdanme: na nova sede do arquivo, porque algún día estará recollida e organizada nel unha parte moi importante da nosa memoria coletiva. 

Te puede interesar