Opinión

Somos o que facemos

Mentres o AVE chegaba a Ourense como un revulsivo para o futuro da cidade, o alcalde perdía o tren do progreso e deixaba escapar unha oportunidade de ouro.

Así, como nun tren o maquinista é quen debe dar seguridade, fiabilidade e garantir a chegada ao destino dos seus pasaxeiros, nun Concello é o alcalde quen debe guiar o proxecto de futuro da súa cidade, pero neste caso Jácome conduce de forma temeraria, sen rumbo fixo e descarrilando constantemente. Naquel 2019, fíxose patente que algo non estaba a funcionar nos partidos tradicionais e na sociedade en xeral.

Personaxes como Jácome son o resultado dos erros que cometemos os representantes políticos e do lexítimo enfado dunha sociedade que se atopa esgotada pola falta de credibilidade, desconfianza e desinterese que mostran as organizacións priorizando cores e ideoloxías sobre o ben común.

Ourense, que xa arrastraba moitas carencias por falta dun liderado claro nos últimos anos, está a pagar un alto custo que vai máis aló da falta de proxecto e da improvisación dun alcalde que, lonxe de ser lembrado pola súa boa xestión, será sinalado por axitar a bandeira da discordia, dos insultos, das descualificacións persoais, das decepcións e dos desgustos aos que os ourensáns tiveron que facer fronte nestes tres anos de Goberno.

Foron anos moi duros para as familias ourensás: a pandemia, a guerra en Ucraína, o aumento de prezos nas subministracións e alimentos de primeira necesidade fixeron efecto nos petos de todos e o Goberno Local non estivo á altura das circunstancias.

Deixou tiradas a moitísimas familias que non chegan a final de mes, donos de pequenos e medianos negocios que pasan polos seus peores momentos, mozos que non atopan traballo e que non teñen outra alternativa que buscar oportunidades fóra do seu fogar e hostaleiros que tiveron que pechar a persiana durante meses sen saber se poderían abrila outra vez.

Eu pregúntome, se o alcalde e o seu equipo de goberno non son capaces de mostrar sensibilidade ante a dor das familias que nestes momentos atravesan dificultades e con evidentes signos de preocupación polo futuro dos seus fillos, para quen e para que goberna?

Cada día que pasa é máis evidente que a súa xestión é un castelo de naipes, e o partido que o apoia exerce de pantasma nese mesmo castelo, instalado nunha permanente fuxida cara adiante coa absurda esperanza de que algunha das súa ocorrencias lle saía ben.

Á vista está que o Concello de Ourense pechou 2021 co nivel de execución orzamentaria máis baixo da última década. O termalismo, o noso maior recurso, languidece pola falta de previsión para acondicionar, nos primeiros meses de pandemia, as zonas termais, tal e como esixe a nova lei, pero que máis dá si “o termalismo non é máis que un bluf”.

Aínda por riba, Jácome, coa complicidade silenciosa do Partido Popular, converteu a vida cultural nun terreo baldío. Decisión que quizais tomou mirándose a un espello máxico que lle advertiu do perigo que suporía permitir que a cultura estimule aos ourensáns para pensar por si mesmos.

Cando Nerón queimou Roma, tocaba a lira mentres a súa cidade ardía. Outros, absortos nos seus desvaríos, queren interpretar ao órgano a Marcha Nupcial de Mendelssohn mentres as cinzas da cidade sobrevoan o despacho de alcaldía.

Atopámonos cun alcalde que destrúe todo o que toca. Xa o dicía Alejandro Dumas: “O orgullo de quen non poden edificar é destruír”, e isto foi o que fixo coa Universidade Popular.

De súpeto decide pechala botando aos alumnos e profesores das aulas, sen aviso previo e tras 25 anos de servizo, só porque non lle gustaba o nome. Así é Jácome, así foi sempre, ou é que xa ninguén se acorda do seu comportamento cando estaba na oposición? Tan pronto esquecemos?

Non farei unha lista de todo o que non fixo este goberno durante estes tres anos porque basta con pasear polos barrios para darse conta de que non hai proxecto nin visión de cidade, pero tampouco comparto a visión dos demais grupos de oposición que dan a Ourense por perdido. Eu creo que Ourense ten esperanza, no aquí e agora. O diálogo, a negociación e o consenso debe regresar á política. Non vale acusar e criticar ao equipo de goberno cando desde os nosos asentos, no Salón de Plenos, podemos apoiar iniciativas favorables aos cidadáns máis aló de quen as propoña. Iso chámase política útil...

PSOE e BNG non souberon estar á altura. Non teño que lembrarlles que votaron en contra das únicas propostas que o alcalde puido sacar da chistera, como a baixada do imposto de vehículos, a residencia de maiores en O Pino e a modificación de crédito de máis de 60 millóns. Preferiron pagarlle coa mesma moeda coa que Jacome exercía na oposición que atender as necesidades dos veciños.

Somos o que facemos, non o que dicimos que imos facer. Polo tanto, o futuro non pasa por non facer nada agora e prometer a salvación de Ourense en 2023. Os esforzos hai que facelos neste momento e pensar nos ourensáns que son os que nos elixiron para representalos.

O día en que o diálogo e a negociación recobren o protagonismo que nunca debeu perder a verdadeira política, ese día poderemos empezar a soñar co Ourense que queremos todos e empezar a construílo xuntos.

Te puede interesar