Opinión

CITIZEN

Oretrato do capitalismo. A descrición da mentira. A revolución dun mercado que mecaniza o instinto e ese insoportábel brillo aceitoso do servilismo, determinado sempre polos intereses. En síntese: a estética dos feitos políticos como manifestación artística. O resultado: Citizen, unha experiencia política do sensíbel que nos fractura soliviantando o ánimo, sen deixar por iso de ser, por momentos, hilarante. Algo que se agradece na medida en que destensiona, permitindo que, como espectadores, poidamos asumir máis responsabilidade intelectual.


Deste xeito, entramos no invisíbel, nese drama social que se denuncia: a globalización e o consumo conspicuo. Así, sen deixar de botar unha boa gargallada, de cando en vez, a obra visibiliza nese espazo baleiro, o xermolo do neoliberalismo na Galiza da transición. Daquela, tendo en conta que a globalización é un asunto político que Citizen ousa ridiculizar con agudeza, podemos afirmar que a obra atrae polo seu xeito de se enunciar, explicitando nun cadrado austero as vértebras do Capitalismo, o esquema dun sistema hipócrita.


En resumo, a desaparición da solidariedade a prol do individualismo dunha humanidade mecánica, indiferente á dor allea: egoísta. Traballadora e moi cumprida. Sen tempo para amar. Así é que, cun pensamento sólido, Citizen configura no escenario a estrutura invisíbel da insolidariedade e do abuso, tecidas, irónicamente, dende a boísima educación dos seus usuarios.


Ao meu parecer, o gran acerto de Chévere é dar luz, literalmente, a un feito político incuestionábel: a violencia estrutural. Por esta razón, a escena das mulleres pegadas ás máquinas de coser, que rematan por caer desmaiadas, constitúe o punto álxido da obra. Non só destas dúas primeiras partes, mais case ousaría dicir que tamén da terceira que, segundo teño entendido, hase representar tamén na Nasa durante o mes de febreiro. Conto con vela.

Te puede interesar