Opinión

Miss Julie

Liv Ullmann (1938) vén de levar ao cine a peza teatral Fröken Julie -do dramaturgo sueco August Strindberg (1849-1912)-, con grande acerto. Na liña sobria de Trier -lémbrese Dogville, certamente excelente!- Ullmann ofrece unha auténtica representación teatral na gran pantalla. Conserva pois a expresividade dramática, que Jessica Chastain (Calinfornia, 1977) executa á perfección -Colin Farrell está talvez ríxido de máis-, nun escenario sobrio, sen chegar ao esquematismo de Dogville, onde a acción se desenvolvía nun taboleiro carente de altura, con personaxes que si a tiñan...
Liv Ullman non prescinde, como Lars Von Trier, da terceira dimensión, mais o efecto de estrañamento prodúcese igualmente, porque, entre outras cousas, a linguaxe corporal do teatro, acompañada desas entradas e saídas coa sonoridade das pisadas, non é habitual no cinema. Haberá quen diga que é longa de máis, pero isto, ao meu ver, constitúe un acerto, na medida en que permite que o tempo da historia e o tempo narrativo coincidan, conseguindo xerar en nós a sensación de asfixia que viven os personaxes.
Atravesamos con eles ese camiño angosto de emocións contidas que se dispararán en direccións diferentes. Inesperadamente. Pasaremos do desexo que angustia a Julie á raiba dese ollar obsesivo de John, o criado. Todo en contraste co hieratismo de Katherine, o terceiro personaxe, interpretado por Samantha Morton, que vive inmersa nunha moral ríxida e castrante. Con Miss Julie poderemos subir e baixar pola espiral que envolve aos personaxes, sentir con eles a desazón e, por riba de todo, experimentar certa incomodidade, determinada polo noso estupor ante a humillación á que se expón Julie.
Ver a esa aristócrata, sempre tan propia, suplicando que a dominen, bicando as botas do seu empregado, incomoda un pouco. Non só porque non se evita o patetismo na interpretación desta demanda, mais porque este adquire protagonismo, na medida en que se potencia. O cruel, como contrapartida á histeria esquizoide de Miss Julie, tamén ten presencia no personaxe de John -Colin Farrell-, que, arrastrado polo odio, amosa o seu aspecto mesquiño, ao menosprezar á muller que adoraba, despois de “conseguir o galardón”.
Curiosamente, ao saír do cine, escoitei comentar a unha muller que a protagonista sometía e presionaba ao criado, ao intentar seducilo, e quedei moi sorprendida. Pregunteime se viramos a mesma película, porque na Miss Julie que eu vin, había unha violación. A verdade é  que chama a atención como a perspectiva modifica a percepción. En todo caso, eu quédome con Miss Julie. E diso de someter a John nada de nada.

Te puede interesar