Opinión

Mulleres sen descendencia

Maribel Verdú formula nunha entrevista, con motivo do novo filme que protagoniza -Sin hijos, dirixida polo arxentino Ariel Winograd- unha pregunta ben interesante. “¿Por qué nadie le pregunta a Luís Tosar por qué no quiere tener hijos?”. A actriz madrileña, de 45 anos, afirma sentir vergoña cando esta cuestión sae da boca dunha muller. Lóxico. Despois de tanta loita feminista, na procura da igualdade, o relato hexemónico continúa. A familia tradicional segue a ser un valor, que, a todas luces, parece conferir a aqueles e aqueloutras que a conforman, unha categoría moral superior. Digamos que constitúe unha proba palmaria de xenerosidade, dada a entrega que se lle presupón aos pais e, por riba de todo, ás nais no referente ao coidado e protección das crianzas.

Existe entón unha especie de club “de bonnes meufs” -boas rapazas-, como diría Virginie Despentes, na súa Théorie King Kong? Todo parece indicar que si, que, malia termos avanzado moito, aínda quedan restos desa educación xudeo-cristiá que persevera na defensa da maternidade como única opción de vida para as mulleres. Por iso entendo a pregunta da madrileña e concordo con ela. Daquela, dez puntos para a Verdú, unha actriz de carne e óso, natural e franca, a quen, persoalmente, querería ver, por exemplo, nun filme de François Ozon ou de Sofía Coppola. Cando unha muller ten un traballo fantástico as súas costas, como é o caso dela, paréceme totalmente irrelevante preguntarlle se quere ou non ter fillas. No entanto, non é necesario ser unha actriz famosa ou unha empresaria de éxito para que se respecte esta opción de vida.

Calquera muller, de calquera clase social, ten dereito a decidir se lle apetece ser nai, ou, pola contra, prefire dedicarse a outros menesteres sen que isto teña que ser xulgado polas defensoras da maternidade, que, dito sexa de paso, adoitan arrogarse a facultade de emitir xuízos de valor dende a súa ridícula atalaia moral. Como se o feito de teren crianzas as convertise en persoas excelentes, de gran calidade humana. Nada máis falso e estúpido que pensarse superiores moralmente por contribuír ao relato oficial que se sustenta na agrupación familiar como medio de control. Maribel Verdú vive a súa vida como lle peta e ten claro que non comtempla a maternidade como opción". Isto non lle impide ser unha muller fantástica, de naturalidade exquisita. En efecto, Verdú é unha Maléfica extraordinaria. Insisto, dez puntos para ela.

Te puede interesar