Opinión

Sempre van ser (ou son) decisivos

Pois con Feijoo abrindo negociacións para ser investido, e xa o BNG ratifica -lévao ratificando desde que eu teño uso de razón- o seu “Non”. E, engade, como desde tempos ha, que nesta lexislatura o BNG “vai ser decisivo”, polo que instará o PSOE a pactar a “axenda galega”. “Ser decisivo” e “axenda galega”; non lles soa? Ata nos fan ver o valor do seu único deputado; claro que nestes momentos, o valor dun deputado é importantísimo, pero sexa da formación que sexa, tras o endiañado taboleiro electoral saído das urnas o 23J. Ou sexa que, “decisivos” sempre, pero endexamais vin na realidade os feitos da decisión. E a “axenda”, polo que se deduce, é a mesma, xa que nunca xamais se cumpriu nada do contemplado. Mesmas palabras, coas mesmas intencións e iguais feitos… Como acostuma a dicir o meu idolatrado Neme: Nada novo baixo o sol, ou nada que non soubésemos.

Con estas ambicións -moi loables, aínda que xa cansan, por repetitivas e antigas- o BNG postúlase unha vez máis como forza antisistema. Non só é que se coligue co brazo político dos etarras para aspirar a un europarlamentario, aínda que sexa a tempo parcial; é tamén a alienación cos 21 deputados que suman Bildu, Junts e ERC, para completar os 22 que xa pronunciaron o “Non” ao PP, e aspiran a estar no bloque de esquerdas para gobernar o Estado, mediante un Goberno ao que lle chaman de progreso, cando non cren no Estado nin na Constitución. Acaso non son forzas antisistema aquelas que aspiran a gobernar -aínda que sexa á súa maneira- o Estado e cando o xefe dese Estado os chama para pedirlles opinión ao respecto dan a espantada? Parece tal comportamento como propio de forzas que queren estar repicando campás e na procesión ao mesmo tempo.

Por outra banda, xa se comeza a barruntar nos mentideiros políticos, que no caso de que o BNG quede por enriba dos socialistas -non suporía un sorpaso político- nas vindeiras autonómicas a menos dun ano: 1) Só esperan que o PP pinche para que a suma de perdedores goberne Galicia; o que se di un Goberno de perdedores -pero progresista, faltaría máis-, onde o presidente sae do grupo menos perdedor. 2) Se ocorre ao revés, que os socialistas queden por riba do BNG, serían os socialistas os que farían o mesmo que xa fixeron no 2005-2009, tempos do Bipartito, polo que o presidente sería socialista. Ah! Ao BNG sempre lle quedaría dicir seremos “decisivos” e levaremos adiante a “axenda” galeguista do Goberno galego. Como non! Pero creo que a posibilidade de que ocorran os apartados 1) e 2) é remota e derivada, como mencionei, dos mentideiros interesados. Aínda, como estou afeito a dicir: A política é a “ARS posibilis” para todo e en todo, á hora de votar e cando se xestionan os resultados.

En fin! Feijoo abre negociacións para ser investido. E o BNG, xa sen tempo para respirar, ratifica o seu “Non” a Feijoo e pídelle compromiso con Galicia a Sánchez. Pois é hora de preguntarse, xa que o primeiro que vai tratar de ser investido e vese da necesidade de pedir e conseguir apoios, por que o BNG non dialoga -palabra de significado tan progresista para a ocasión- co PP; desdeña a oportunidade, cando sería o máis normal ao tratarse dun candidato galego, coñecedor de Galicia, para atraer recursos; e non esperar a Sánchez, a que se entregue irremisiblemente a Cataluña. Asemella que ao BNG, e despois dos antecedentes de desplantes de Sánchez con Galicia, lle vai máis o rexeitamento absoluto ao PP, por riba do interese por Galicia. Manter lazos cordiais de socio preferente por se cae a breva das próximas autonómicas; interese particular partidista. Senón, falaría con Feijoo, que falar non é tragar, como xa se dixo para outros casos. Que selectivos somos, verdade señores e señoras do BNG, cos que mesmo dan ordes desde Madrid para paralizar a elección do candidato -chámanlles primarias- á Xunta! Primeiro despexar a investidura de Sánchez e despois xa trataremos o de Galicia. Prioridades! En termos sanitarios, tamén hai o primario e o secundario; o terciario para quen queda? Eu non teño dúbida. Distinguidas señoras e señores do BNG: Condonación da débeda, ou aumentarlles a achega a unhas comunidades para a compra de vontades significa beneficialas a custa doutras? Desgraza o da “axenda galega” e “decisivos”, de por vida.

Te puede interesar