Opinión

¡Ai... ese progre progesismo!

Xa transcorreu tempo desde que lin nalgunha editorial que nos países do norte de Europa -os que consideramos adiantados-, ser progresista significa coidar, alentar e potenciar a tradición, o propio. O contrario é sacar do medio o que está moi visto, ou ten determinadas connotacións político-relixiosas, aínda que forman parte da historia das nosas costumes máis ancestrais. As correntes de opinión, a censura ao relixioso, como a retirada de símbolos tradicionais -dígase a cruz ou o crucifixo-, mostran no Nadal a súa faciana máis absurda, sendo progresismo -¡ese progre progresismo!- o que raia o esperpento do absurdo. Os progresistas populistas de pandeireta son quen de levar ao Parlamento se a cruz debe estar nos colexios, e mesmo si ou non ás corridas de touros; deixando de lado os problemas que verdadeiramente preocupan aos cidadáns.


Nun artigo tan didáctico como doutrinal e filosófico, non exento de actualidade para a ocasión, o antropólogo Manuel Mandianes saca a relucir que ‘a crise da modernidade levou consigo a disolución dos principais sistemas ideolóxicos e filosóficos. O marxismo subiu aos altares á colectividade e despoxou á persoa de representatividade. Aquel mundo clásico, escolástico no que había fundamentos e patróns morais, políticos estéticos, derrubouse. A actual sensibilidade corre por un radical desencanto, por un descubrimento do mito, ao caer na conta de que tamén era mito o ideal da liquidación do mito’.


Contáronme que neste Nadal, unha traballadora do emprego público (funcionaria) fixo retirar dos seus arredores de traballo -nin sequera do seu despacho- un pequeno nacemento. Ao parecer molestaba a súa sensibilidade, e, agora, nestes casos de pouco vale a opinión e as ganas da maioría. O progre progresismo individual imponse, e o que queira nacemento que o guste na súa casa. A autocensura nunha administración pública por parte dun cidadán implica a imposición do criterio individual por enriba da colectividade silente. O tradicional queda supeditado ao progre, e atenta contra a conciencia, proceder e saber dos veciños noreuropeos. ¿Profanización do pensamento? Adoutrinei no seu momento, para estas ocasións, ser conservador para os logros xa acadados, e incondicional progresista para os que hai que lograr. Conversando nunha reunión sobre este paradoxo dilema e o comportamento conservador progresista, contei as opinións derivadas por un amigo. Valoren: -Se a un conservador (C) non lle gustan as armas, non as compra. Se ao progre (P) non lle gustan as mesmas armas, esixe que se prohiban. -Se un (C) está arruinado e sen traballo, pensa como mellorar a súa situación. Un (P) esixe que se fagan cargo del. -Se un (C) non lle gusta o que se di nun programa de TV, cambia de canal. O (P) esixe que se prohiban os programas que non lles gustan. -Se un (C) non é crente, non asiste a Igrexa. Un (P) non crente esixe que se prohiban os actos e símbolos relixiosos. -Se un (C) le isto, enviarao aos seus amigos para que teñan un motivo para rir. Un (P) o borrará, porque sentirase ofendido. Como tamén é mito a actual liquidación do mito, sirvan estas apelacións ao concepto de conservadorismo e progresismo, para que se decaten que nin unha cousa ni na outra. Que o sentido común impere, que non corren tempos de facerse notar, a non ser por resolver as inquedanzas dos nosos semellantes para facelos máis felices. ¡En iso consiste o progresismo humano!


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar