Opinión

Un ano de feitos racionais

Cúmprese neste abril o primeiro aniversario do Goberno de Núñez Feijóo, trala inapelable victoria do 1 de marzo de 2009. Trasladar á cidadanía o balance do traballo realizado e achegar ao Goberno ata o nivel máis próximo aos cidadáns, facendo que se visualicen as medidas e os seus impactos no territorio, resulta unha obriga dun goberno de todos. Este exercicio de responsabilidade están a facelo os deputados populares.

Fronte a un goberno bipartito que supuxo decepción, logo de prometer esperanza, ilusión, cambio nas formas de gobernar e mellora na calidade de vida dos galegos, fixeron todo o contrario. O bipartito enganou cando prometeu gobernar para todos, mediante un goberno unido; enganaron cando prometeron transparencia e rigor na administración dos recursos públicos. Un goberno dividido, que trataba de gobernar pola mañá e se facía oposición pola tarde. Por negar, empeñouse en negar a existencia dunha crise económica que todos os galegos padecían, instalándose na irrealidade absoluta e pintando unha Galicia ficticia.

O Goberno de Feijóo recibiu a herdanza dun goberno irresponsable, cun orzamento irreal, con compromisos de gasto sen respaldo orzamentario, ademais dunha previsión esaxerada de ingresos (600 millóns menos do orzamentado) e case outros 600 de gasto previsto sen orzamentar. Agravado con que Galicia ten que devolver 1.900 millóns ao Estado, consecuencia da nefasta planificación do Goberno Zapatero. ¿Consecuencia?: O Goberno de Feijóo atopouse co peor escenario posible, polo que os seus primeiros orzamentos diminuíron por primeira vez na historia, con respecto aos anteriores.

Lonxe de lamentacións inútiles, foi un acicate. O primeiro paso estivo nunha política de austeridade –tras seis anos, está agora Zapatero coa austeridade a voltas-, planificando unha estrutura administrativa racional que supuxo un aforro de 144 millóns; reducíronse as consellerías a dez, pasouse de 52 a 5 delegados territoriais, 40% menos de altos cargos, 30% menos de persoal de gabinete, aforro en gastos improdutivos (publicidade, protocolos, representación) e reducíronse retribucións de altos cargos nun 3%.

Tomáronse medidas de choque -1.200 millóns, con repercusión en Ourense- urxentes fronte a crise. Pacto coa Fegamp, negociación do financiamento autonómico, novo decreto sobre o galego, elaboración dunha lei de comercio, búsqueda de solucións para o sector lácteo e agrario, etc. E uns orzamentos para o 2010 que son os de maior peso en gasto social da historia de Galicia, que aumentan un 2% ata acadar o 70%. Plans e actuacións, como o Plan Autonómico de Emprego 2010-13; Plan Move, que con tres actuacións na comarca de Ourense –VAP OU Celanova, Ronda Bulevar e circunvalación de OU- supón máis de 151 millón de euros; as axudas do Igape medraron un 207% en 2009; plans Resolve e Re-Brote; Plan Re-Imaxina de apoio ás empresas de nova creación; atención especial aos autónomos, Plan Impulsa, Plan de Acción Social, Pacto do Obradoiro, Plan Director de Banda Larga, infraestruturas xudiciais, Plan Director do CHOU; pago aos grandes dependentes e axilización dos trámites, a pesares de que o Goberno de España non aporta o 50% estipulado.

Feitos racionais, lonxe de proxectos megalómanos con horizonte indeterminado, sen despilfarros, propio dun goberno cos pes na terra, realista e consecuente antes que optimista mentireiro (Núñez Feijóo).

Te puede interesar