Opinión

¡Basque culinary center!

Quizais non recoñezan, nin entendan, o titular nin a razón do encabezamento; tampouco o seu significado. Pero para non mantelos intrigados xa lles anuncio que se trata dun proxecto culinario de envergadura, de auténtico interese social, e que saíu a relucir no BOE do sábado 31 de outubro do 2009. O proxecto Basque Culinary Center ten como obxectivo ser un referente internacional en diferentes áreas das ciencias gastronómicas, etc., etc. Mediante o Real Decreto 1640/2009 –que non deixa ser moco de pavo- se establecen as normas reguladoras da subvención de concesión directa a entidade Basque Culinary Center, fundación constituída en marzo de 2009 e xa subvencionada en outubro por importe de sete millóns de euros (7.000.000 euros). ¡Estas si que son dietas! regulamentadas e sen lugar a equívocos.

¡Que magoa pregoar que andamos mal económicamente, e que a crise non ten parangón!, cando nos están a procura da innovación dos manxares. E cando o presidente do Goberno continúa nun Rodiezmo permanente, ao fin e ao cabo subvencionando a alta cociña como estandarte do desenrolo da... gastronomía. Se gobernar é a acción de priorizar, entre as moitas necesidades que a sociedade ten, o presidente prioriza a súa maneira, non dando de comer ao famento senón preparando viandas logradas mediante altas tecnoloxías das diferentes áreas das ciencias gastronómicas, aos máis podentes. A data final prevista para a execución da actividade subvencionada foi o 31 de decembro do 2010. O que significa que a rede capaz de xerar innovación e transferencia do coñecemento das diferentes áreas das ciencias gastronómicas culinarias, antes que tarde a debéramos comprobar por estes lares.

¡Que ben!, para os politólogos da economía, que a presidencia da UE chame ao optimismo cun banquete de rechupete. Aínda que todos os ministros asistentes saben que o lastre actual non son os estómagos agradecidos, e si os PIGS (Portugal, Irlanda, Grecia, España). Pero nós vamos desquitarnos. Dispomos do recurso do novo modelo económico innovador da Basque Culinary Center. A Grecia lle lastiman máis, ao non ofrecerlles ás señorías cociña de innovación, lle invitan a reducir gastos e rebaixar custes. Como di o Real Decreto, polo que se establecen as normas reguladoras para a subvención de este marabilloso “Plan de Dinamización de la Economía que acompaña al Plan E”, para a concesión non houbo concursos públicos ni leites en vinagre; o amplo abanico de áreas de coñecemento vai desde a educación alimentaria dos máis xóvenes ata a elite culinaria profesional. Sete millóns de euros que forman parte axiña do déficit galopante do Estado.

Dúas advertencias que, neste caso, non son de ningunha das maneiras ameazas:

-Lean e valoren o Real Decreto 1640/2009 do 31 de outubro de 2009.

-Mentres tanto, comamos e bebamos que mañá morreremos, segundo a epístola . E a esperar a próxima peaxe para aprobar os Presupostos Xerais do Estado, do ano que vén.

Te puede interesar