Opinión

Desunión máis mentira igual a caos

Hai quen di que o optimista observa unha oportunidade en toda calamidade. Aínda que, aos optimistas da prole ¡progresista! actual se lles nota case sen sentido común para alomenos ver as calamidades, e tratar de convertelas en oportunidades. ¡E miren que abundan as calamidades, hoxendía! ¿A que ven esta escrutada filosofada? Sucedeu que, ao remate dun debate sanitario, hai uns días, onde os dous actores participantes déronlle un punto de vista totalmente antagónico ao tema tratado, un asistente lanzounos unha pregunta clariña, concisa e sintomática para o momento tan contraditorio: Os políticos, xa o di o Centro de Investigación Sociolóxicas, son a casta peor valorada neste país. ¡E temos aquí a mostra!, porque na sanidade tiña que haber un pacto de todas as forzas políticas. Isto levámolo pedindo hai tempo, pero os políticos nunca se poñen de acordo. Só cando se trata de aumentarse o soldo, entón si que se entenden, sentenciou.

Diante da rotunda acusación, dinlle as grazas a Arturo (agradecer que critique diante dos acusados), e uninme ao seu sentir, en tanto que un sempre creu que na sanidade, e tamén en educación, tería que haberse dado un pacto de Estado. Incluso na réplica estendinme na crítica sobre aquelas CC.AA que aumentan a carteira de servizos máis alá do que abranguen os orzamentos, acumulan déficit, e cando están coa soga ao colo petan na porta do pai Estado, pero entón a equidade das prestacións sanitarias xa están rotas. Porque unha cousa é que cada CC.AA xestione a súa sanidade, atendendo a idiosincrasia propia e peculiaridades do territorio, e outra moi diferente é competir nunha carreira sen freos para ver quen da máis. Non me parei a recordarlle a Arturo que, en canto aos soldos, non sempre se entenden os políticos galegos para subilos; en Galicia, para os altos cargos e deputados, non só se acordou conxelalos senón que diminuíron un 3% neste ano.

Pero... ¡miren por onde!, cando o escenario socio económico e laboral vai de tombo en tumba cara o precipicio, sendo necesaria -máis que nunca- a unión dos representantes (sindicalistas) dos poucos traballadores que aínda traballan e, tamén, para os desempregados que xa non collen nas colas do Inem, pois eses representantes non están unidos nin para presentar o día da clase traballadora. E menos para celebrar o propio día; como se houbera traballadores con intereses diferentes no mercado laboral, segundo central sindical. Ou que na mesma empresa, e en igual faena, os traballadores dispoñan de intereses antagónicos. O que cabe esperar, ¡e esperan! os cidadáns dos políticos, se di todos os días, tal como pensa Arturo. Dos representantes dos traballadores a valoración faise de ano en ano, e non deixa de ser un fracaso estrepitoso. Cada pau que aguante a súa vela, pero deberían explicar a división en momentos calamitosos, onde a unión resulta imprescindible.

Aínda que, visto o que hai, teñen desculpas: ¿que se pode esperar dos axentes sociais se, en quince meses, o presidente do Goberno bendice “urbi et orbi”, ata en dez ocasións, que o paro tocou fondo e que a recesión conclúe? Pois que se non se convence coa razón, faise coa confusión. Conclusión: Políticos que se poñen de acordo só cando lle é de interese propio –segundo Arturo-, axentes sociais divididos e só unidos para reivindicar temas alleos e o Goberno mentíndonos dez veces en quince meses; pois o resultado é o caos actual. Ten razón Neme, cando repite que temos os representantes que merecemos. E as manifestacións do Primeiro de Maio son puro folclore, para diversións duns cuantos, e ausencias de propostas concretas ante tanta calamidade. Ata poden manifestarse os que son parte activa do problema. ¡Paradóxico!, que os que son parte do problema o queiran ser da solución.

Te puede interesar