Opinión

Folgas preventivas ¿credibilidade ou oportunidade?

Estase celebrando unha manifestación preventiva contra un borrador dun decreto -aínda por consensuar con todas as institucións implicadas- cando estou repasando a páxina 304 do programa electoral do PP para as ultimas eleccións ao Parlamento de Galicia. Con carácter xeral, estas propostas programáticas din: ‘Recuperar o consenso que o bipartito rachou, para favorecer a normalización do galego a través do fomento, e nunca da imposición e a sanción, co fin de garantir a todos o exercicio dos seus dereitos de opción lingüística’. E no ámbito educativo: ‘Derogaremos o Decreto do uso do Galego na ensinanza do bipartito, propiciando un amplo consenso para aprobar unha nova norma que permita: 1) Garantir as competencias ligüísticas en castelán e galego, consoantes con cada nivel educativo.


2) Garantir que se respecte o dereito dos pais e dos nenos á lingua materna dos seus fillos; e que todos os alumnos sexan acollidos no sistema educativo na súa lingua materna e introducidos progresivamente na outra lingua oficial.


3) Garantir o dereito de libre uso das linguas galega e castelán nas relacións entre profesores e alumnos nos exames.


4) Garantir o equilibrio e proporcionalidade nas materias que se imparten en galego e castelán. Previamente se escoitará a opinión dos pais.


5) A proporcionalidade estenderase aos centros trilingües nos que se tentará que 1/3 das horas de docencia se impartan nas tres linguas: castelán, galego e inglés.


Con estas e outras propostas de goberno, o PP gaña as eleccións, e en coherencia senta as bases para a elaboración do Decreto do Plurilinguismo con catro garantías: 1) Equilibrio entre o galego e castelán, e entrada dunha terceira lingua.


2) Liberdade de expresión para os alumnos.


3) Elección dos pais en Educación Infantil.


4) Competencia lingüística dos alumnos nas duas linguas oficiais.


En resumo: salvagárdanse os dereitos e deberes constitucionais e estatutarios, é consecuente coa Lei de Normalización e a promoción do galego, co Consello Consultivo e coa promesa electoral do PP. Equilibrio garantista entre coñecemento das linguas e liberdade son as bases para a elaboración do decreto. Todo un salto cualitativo para a educación en liberdade, onde se dota aos rapaces de capacidade e liberdade para manexar as dúas linguas oficias e unha estranxeira. A partires de aquí, e aínda respectando a liberdade de protesta de cada cal, hai que lamentar o ataque á liberdade que supoñen as constantes descalificacións -incluídas manifestacións e folgas preventivas- por parte da oposición a un borrador -¡e repito o de borrador!- de decreto, que trata de incrementar as liberdades dos alumnos e revaloriza a opinión dos pais. Dos que tivemos que tragar o castelán por imposición, e avergonzarnos de ‘saber’ só galego, somos hoxe -¡paradóxicamente!- maioría os que falamos e escribimos en galego. A imposición, como se sentía na lexislatura do bipartito, xamais é boa conselleira. E a hipocresía de moitos non só é unha apreciación, senón unha evidencia. ¿Cantos están defendendo o galego escribindo en castelán? Nas columnas de opinión nestes días son maioría. Cando o idioma se traslada a simple batalla do protagonismo político, como intentou no 2007 o bipartito, e deixa de ser o que é -seña de identidade libre dos cidadáns que o senten como propio, ademais de medio de entendemento entre cidadáns libres-, ocorre que, dedicándolle máis recursos, se rexeite tamén máis.


Un borrador, que debe ser unha oportunidade de participación, está a supor credibilidade para uns, e representa unha oportunidade preventiva para a oposición. Quizais porque xa estabamos acostumados a que os decretos saíran á luz por decretazo. Desexo equilibrio garantista entre coñecemento das linguas e liberdade, para a continuación ‘falar galego cando quero’ e ‘castellano si me da la gana’, segundo o grao de sentimento e respecto ao interlocutor que teño en fronte.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar