Opinión

¿Novo mapa municipal no X. XXI?

Unha das comunicacións no XV Congreso Provincial do PP de Ourense versaba sobre a interrogante do titular. Tema cheo de actualidade, pois ao escenario demográfico territorial da dispersión poboacional se lle suma o envellecemento e a actual situación financeira, que introducen estrangulamentos e debilidades significativas para a organización e o funcionamento das entidades locais. E se lle engadimos o informe, de hai unhas semanas, tutelado polo Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financeiro de Vigo, que plantexa a redución do número de concellos galegos a metade, baixo xustificación de minimizar custes de mantemento e mellorar xestión e eficacia, o debate xurdiu axiña. Tamén o presidente da Xunta declarou que habería que reflexionar sobre as economías de escala das administracións locais, para ampliar a base territorial destas administracións bo para Galicia e para os habitantes dos concellos-, pero respectando o principio constitucional de autonomía local.


O horizonte é a consecución dun ‘municipio sostible’, con capacidade de xestión e autonomía real de decisión, que sexa unha administración responsable á que os veciños poidan pedir responsabilidade, esixir resultados. En Ourense, onde os municipios con menos de mil habitantes xa son 13, e a poboación maior de 65 anos representa o 28,4% do total, 21,6% en Galicia, fronte o 16,7% en España, somerxidos na crise, e cando a asfixia económica é maior, o debate en torno á necesidade de modificar o Mapa Municipal volve ao primeiro plano. O Círculo de Empresarios de Galicia defende que a fusión ou absorción de municipios é unha iniciativa posible, que a maiores permitiría conseguir 12 millóns de euros adicionais de fondos do Estado. Pero a redución de municipios, mediante fusión ou agregación á outros de maior tamaño, é unha operación de complexa implementación, tanto desde o punto de vista legal e administrativa como desde o político: a oposición veciñal nos pequenos concellos sería frontal. Ademais as fusións, de levarse a cabo, en moitos casos non ofrecerían grandes vantaxes nin sequera en teoría: catro pequenos municipios entre mil e dous mil habitantes darían como resultado un de menos de oito mil, sobre un territorio enorme e con grande dispersión poboacional. A fusión, máis que resolver o problema da dispersión, só a enmascara.


Unha alternativa sería distinguir ‘Goberno Local’ e ‘Administración Local’, dous conceptos diferentes. O goberno -alcaldes e concelleiros- representaría o órgano político de decisión do municipio; a administración -funcionarios, medios financeiros e materiaisa ferramenta de execución das políticas que deseñe o goberno. Se deduce que o custoso non é ter moitos gobernos locais de pequenos concellos, senón que o inviable económicamente é dispor de moitas administracións de pequenos concellos. A cooperación e asistencia das deputacións, mediante fórmulas avanzadas que van máis alá da simple asistencia técnica en casos concretos, representa outra opción que desenrolaremos outro día. En calquera caso estamos diante dun debate municipal, que hai que levar mediante consenso, xa que non só están en xogo perspectivas económicas. Tamén falamos de tradicións e veciños que levan vivindo baixo unha identidade común.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar