Opinión

Un palista e sete miróns

Nunha ocasión, con motivo dunha tertulia entre amigos e coñecidos de diversa orientación sociopolítica, alguén se preguntou en voz alta cal lles parecía o país máis rico do mundo e con mellor ben estar percibido. Un asegurou que Estados Unidos, xa que na súa historia de nación moderna sempre se lle recordaba como país rico e imperialista, condición non alcanzada por ningún outro. A esta resposta houbo quen replicou que en Estados Unidos hai que traballar a reo todo o día, iso de alardear de ir coller unha baixa non se entende, e ter traballo estable resulta moi difícil; non, non é Estados Unidos un país apetecido para traballar cómodo... e é exixente no traballo.

Foi entón cando outro dos reunidos alzou á súa voz para pronunciar que Alemania é una locomotora económica, moita riqueza e modernidade. Si, pero alí se traballa de mañá a noite, e se sales de ocio non che queda nada..., replicaron.

Discorría a análise do país máis rico sen pórse de acordo, cando un fixo saber que para país próspero e pasalo ben sen moito esforzo, España é única, xa que traballa un e miran sete.

O certo é que son moitos os comentarios -sobre todo entre os nosos emigrantes- que se transforman en afirmacións á hora de considerar que como en España non se vive en ningures. E aquí, o que se di traballar, o fan uns pouquiños, que ao final da para moitos. Só así se entende como na España de Zapatero todo está tranquilo, cando sobrepasamos os catro millóns de parados. Tal capacidade de eficiencia laboral, que se traduce en traballar un para un montón non rascala, non existe en ningún outro lado do mundo mundial, á dicir de Neme.

Todo o comentado o corrobora a portada de La Región do mércores 24 de marzo. O alcalde de Ourense, pala nas mans, columna lumbar en semeflexión, gravata en restra –ao estilo do meu amigo Agustín, que non é capaz de ir cavar os eidos sen levala posta-, coloca a primeira pedra de algo “que está por ver”.

Pero a referida foto a completan sete miróns (cinco homes e dúas mulleres, para intentar tamén cumprir a paridade) diante de tan insigne traballador. Un traballador e sete que figuran, miran, acompañantes -como prefiran- completan todo un elenco representativo sobre o que deduciron os amigos da tertulia cando facían un diagnóstico do país máis rico do mundo.

Foi Tomas Jefferson o que deixou dito que os homes están dispostos a vivir honestamente se se lles proporcionan os medios adecuados para logralo. Moralexa: colla vostede un home cunha pala, fágao acompañar de sete persoeiros e xa temos cumprida a sentenza de Jefferson. E se procuran a paridade, cumpren ca lei e todos contentos. Entón xa podemos entoar que estamos diante dun país rico, traballador e legalista. E que os misterios non son necesariamente milagres, pero semellan.

Te puede interesar