Opinión

Privatización ¿Qué privatización?

De sempre, pero vai facer en marzo un ano con unha intensidade desmedida, oímos dos dous partidos da oposición no Parlamento de Galicia que o PP está a privatizar os servizos públicos. O culpable da desfeita dos servizos públicos é o afán privatizador do PP. ¡E soa como unha ringleira! Quen escoite aos autochamados progresistas falar de servizos públicos non fiará unha frase con outra sen oír que o PP,cando goberna, o fai á golpe de privatizar servizos. O dime do que presumes, para deducir do que careces, é unha boa maneira para decatarse quen verdadeiramente externaliza e privatiza, se é que houbera que criticar algo ao respecto.


Se se anuncia a construción dun hospital, mediante a fórmula de pago aprazado, nunha clara aposta para manter o esforzo inversor en Galicia, nus momentos dificilísimos de conxuntura económica, o PP privatiza a sanidade. E ninguén se sonroxa, aínda que o afirmen os mesmos que gobernaron durante catro anos, pero estiveron mareando a perdiz sen procurar sequera algún movemento de terra. Non fan referencia ao fraco favor feito á sanidade, ao deixar de lado a construción hospitalaria por todos desexada en Vigo; pero, ao facela o PP, xa está privatizando.


Tivo a grande sorte Ourense, que hai uns día a visitara o portavoz nacional do BNG para, entre outras cousas, defender que os servizos públicos son unha garantía de calidade e igualdade fronte a deriva privatizadora do PP. Seguindo o meu parecer, todos quedaron tan anchos e asentindo, escoitándoo con un amén compracente. Non din as crónicas se alguén dos alí presentes se puxo colorado.


Todo ten a súa explicación: o tempo é o mellor anestésico coñecido para os políticos que din hoxe unha cousa e fixeron outra, aínda que non pasara moito tempo. ¿Ninguén se acorda de Sogarserso, cando foi creada en pleno corazón da lexislatura bipartita, como sociedade mercantil privada (a Xunta tiña o 45% de participación mentres as caixas o 55%)? Tal era así que o mesmo Consello de Contas, como máximo órgano fiscalizador das contas públicas de Galicia, recordou que esta sociedade non podía ser auditada porque estaba participada na súa maioría por entidades privadas. E así multitude de chiringuitos, creados na sombra, baixo pretexto, xustificación e excelente fórmula de xestión para darnos servizos eficientes. Ou así nolo explicaron. Nestes últimos días, o Concello de Ourense, por se non tivera suficientes servizos privatizados e externalizados, pese dispor dun goberno saturado de progresismo, anunciou a privatización do coidado das zonas verdes da cidade. Incumpriuse a lei de dependencia, privatizan servizos, como os comedores, en centros de día. Pero quen privatiza son os outros. Se se trata de optimizar recursos públicos, mediante fórmulas de xestión axeitadas, depende de quen o faga para diagnosticar a medida de privatizadora ou non. Segundo a ocasión, a mellor defensa é un bo ataque.


Hoxe mesmo, estou lendo La Región, cando atopo nunha páxina un titular elocuente, sobre o goberno do Concello de Ourense: ‘Este goberno é, con diferenza, o máis eficiente que tivo a cidade en moitos anos’. Que se explique cantos servizos hai privatizados e externalizados, cantos se privatizaron nos últimos anos e cantos se espera privatizar, e deduzan a eficiencia.


(*) Deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia

Te puede interesar