Opinión

¡De pueblo!

As manías provisionalistas dos (auto)chamados de esquerdas dan en dicir que “a máis perigosa de todas as debilidades é o temor á parecer débil”. Ler “de pueblo” tróuxome a cabeza tamén “paduano”, “aldeano”... “paleto”. Son os epítetos que oíamos a cotián os rapaces que baixabamos da aldea para a cidade, nos finais dos sesenta. Agora, o bipartito capitalino da cidade de Ourense, nunha calculada visión retrovisora, pretende dar por bos os presupostos para o 2010, cunha valoración santificada respecto do pasado: “El PP dejó en el 2007 un presupuesto de pueblo”. ¡Hala, que con iso viviremos mellor!, e senón sempre poderemos dicir que non o fixemos tan mal.

¡A santo de que! Como a expresión parece ter o seu fundamento nas antigas pregarias, devocións ou rosarios; ou na crenza popular, segundo a cal cada acción da vida cotián pode encargarse e encomendarse a un santo, o bipartito, como cada santo, necesita certas devocións e sacrificios. E se pregunta polo santo en favor do cal pode cometer o atropelo. ¿A santo de que, fai unha comparación dos presupostos do 2010 cos do 2007? Para tachar, agora, aqueles de “pueblo”.

Que avanzado xa febreiro se presenten os presupostos non parece a mellor versión moderna e responsable de dar a coñecelos. E que corresponda “per cápita” máis que a Coruña e Vigo, ata parece que en Ourense, entre o pai Miño e o Barbaña, faciliten a multiplicación dos pans e dos peixes. E que os presupostos sexan, en termos absolutos, os máis grandes da historia de Ourense, cando non sabemos canto caeron os ingresos –que si que descenderon-, e mesmo o interventor advirta de incongruencias, non debería ser suficiente para inspirar aires de modernismo.

E falando de modernismos, que se afirme que xa non é Ourense unha cidade triste -que non se confunda coa alegría coxuntural do Entroido-, nin apática, nin se atopa en parada cardiorrespiratoria, cando dispomos cada vez de máis parados e pensionistas, os comedores de Cáritas non dan máis de si e todos os días pechan empresas, todo parece indicar que en Ourense se da o mundo ao revés. Ou que alguen ponse unha venda diante dos ollos. Está ben que non perdamos nin fagamos a confianza, que inxectemos moral aos cidadáns, sobre todo en momentos como o que nos toca vivir. Pero non perdamos o sentido da realidade. É unha das esixencias que se lle debe supor aos políticos.

Si, a esperanza é o mellor médico que eu coñezo. Aínda que a falta de perspectiva da realidade, a alegalidade das accións para as que fomos encomendados, e as comparanzas retrovisoras, dilúen credibilidades. Si, os homes cren con facilidade o que temen e o que desexan. Pero de aí, ás medidas provisionalistas da esquerda, de pan para quedar ben hoxe... transcorre un treito. Tamén cabería preguntarse que, se resultan despectivos uns presupostos de “pueblo”, os que non renegamos ser de pobo ¿a que podemos aspirar? A máis perigosa de todas as debilidades é o temor a parecer débil, e esta é unha debilidade dos (auto)chamados de esquerdas.

Te puede interesar