Opinión

Xa non fai falta ir a San Benito

Grazas ao grupo de goberno do Concello de Ourense, se alguén de vostedes está esperando ao día de San Benito, na procura de curar algunha doenza, non se faga esperar e evite o desprazamento á cova do Santo. A oportunidade tena na Praza Maior de Ourense –máis fácil non llo poden pór-, xa que aí encontrará todo tipo de plantas medicinais: desde sementes para tratar o estreñimento, hainas tamén para a depresión; se padece sinusites, ou dor de reuma, ata migrañas e varices, pode dar na Praza Maior cos remedios; se non dorme ben ou non é capaz de deixar de fumar polo estrés, se vai vostede ata Praza Maior non só poderá apreciar a fachada do Concello de Ourense senón que, dunha tacada, pode quedar libre de estrés e aforrar o que gasta en tabaco. Amén de outras doenzas, porque plantas medicinais a granel hainas de abondo. Se non fora porque chove sobre mollado, e porque coa saúde non se xoga, o tomaríamos a broma. Pero as nosas responsables autoridades municipais semellan non enterarse que “a lei é dura, pero é a lei” (Dura lex, sed lex); e, se o saben, e non a fan cumprir, pois que queren que lles diga dos nosos responsables municipais: que fan o que poden, e non fan cumprir o que saben. Parece que, estando advertidas, xa en máis dunha ocasión, de que a venta de estes produtos medicinais é ilegal, non só se está a faltar ao respecto á oposición –case sería o de menos-, pero tamén se incumpre a lei. A pasan polo forro da legalidade. E xa non digamos como queda en entredito a palabra do alcalde se, como consta, comprometérase á impedilo nesta edición.

Os cidadáns de Ourense, da mesma maneira que acoden para tocar con toda reverencia e esperanzados a San Benito, poden probar as herbas medicinais da “Feira gastronómica do Maio” na Praza Maior, aforrando de seguro a viaxe ata o Santo. Na Feira da Praza Maior o mercadeo farmacéutico é un feito un ano máis; poderán comprobar que existen misterios que non son necesariamente milagres, con acudir –se é que para daquela non pechou a Feira-, a Praza Maior o ano que vén; porque se non hai dúas sen tres, pode que non haxa tres sen catro. Ninguén ofrece tanto como o que non vai a cumprir; polo que de seguro que no ano que vén tamén haberá sementes medicinais. Acudiremos e, de paso, deixamos un pouco tranquilo a San Benito, para non distraelo de outros avatares de máis enxunlla, que necesitarán de toda a atención do Santo. Que a política non sexa a arte de mentir a propósito, que coa saúde non se xoga.

Te puede interesar