Opinión

Máis cine galego nas pantallas

No 2022 o cinema galego bateu o record de presenza na carteleira do cinema comercial. No 2023 podería repetirse ese dato. Na primeira metade do ano estreáronse Matria de Álvaro Gago e Sica de Carla Subirana, despois do seus pasos xeitosos na Berlinale. Especialmente o primeiro, un drama social cunha extraordinaria interpretación de María Vázquez, xa chegou a máis de 100 salas ademais de ter unhas proxeccións especiais en territorio español ao longo do verán e recorrido paralelamente a máis de 20 festivais internacionais.

No mes de maio, estreouse Fatum de Juan Galiñanes, un thriller adrenalínico que mantén un perfecto equilibrio entre entretemento e drama sen nunca perder o pulso. Desde hai unas semanas o filme pódese disfrutar na plataforma de Amazon Prime Video.

Recentemente chegou as salas de cine Salta!, a primeira longametraxe de Olga Osorio. Producida por Vaca Films, a longametraxe trae inspiración da pluripremiada curtametraxe escrita e dirixida pola directora no 2016 e titulada Einstein-Rosen. Esta vez, acompáñaa ao guión Araceli Gonda, coa cal confecciona unha entretida dramedia familiar de ciencia ficción cun toque nostálxico. O argumento móvese arredor de Óscar e Teo, dous irmáns de 10 e 13 anos, moi distintos entre si, que viven na Coruña no 1989. Cada un deles lida á súa maneira coa desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buracos de gusano. Finalmente os irmáns acabarán seguindo o seus pasos cruzando a fronteira entre o tempo e o espazo... A película ten unha mirada propia pero pódense atopar referencias á saga de Regreso al futuro, e incluso unha citación a Interstellar nunha das escenas máis emotivas da película. Os protagonistas, Tamar Novas, Marta Nieto, Mabel Rivera e sobre todo o pequeno Mario Santos, encarnan uns papeis veraces. A película segue programada na carteleira do cinema comercial. É un filme con marca galega moi recomendable para toda a familia.

Pero non todo o que ven do cinema feito en Galicia son boas noticias. Outra película que se pode atopar nas salas nestes días é La manzana de Oro do veterán cineasta Jaime Chavarri. O filme rodouse enteiramente na provincia de Ourense e precisamente no exclusivo escenario do Pazo de Bentraces. Inspíranse na novela Avidas pretensiones de Fernando Aramburu. Ten un amplo reparto de actores e actrices sobresaínte formado por Sergi López, Marta Nieto, Adrián Lastra, e os talentosos galegos Elena Seijo e Abelo Valis, entre outros, pero está totalmente desaproveitado. O guión non axuda, é demasiado desaliñado e anodino. La manzana de oro, tiña que ser o gran regreso á ficción de Jaime Chavarri a través dunha comedia brillante e corrosiva pero, tristemente, o resultado semella máis a un chiste malo.

Honeymoon de Enrique Otero, Amigos ata a morte de Javier Veiga, O home e o can de Ángel de la Cruz, Me he hecho viral de Jorge Coira e O corno de Jaione Camborda, son só algunhas das novas películas galegas que xa confirmaron a súa estrea neste meses de setembro e outubro. A estas longametraxes habería que engadir a segunda tempada de Rapa que xa se pode atopar en Movistar + e a de Operación Marea Negra, dispoñible en Amazon Prime Video. Todas son obras que demostran o bo momento que está a vivir o cinema galego dentro de diferentes miradas, xéneros e formatos: a excelencia dunha cinematografía nas súas múltiples expresións.

Te puede interesar