Opinión

A AGONÍA RELATIVA DA CLASE MEDIA ESPAÑOLA

A chamada clase media afonda as súas raigañas na sociedade británica do século XVIII, cando toma corpo o xurdimento dun novo estrato social, inicialmente marxinal, integrado na súa orixe por parte da vella burguesía terratenente, a baixa nobreza desprendida da aristocracia e membros de éxito no eido da industria, o comercio e determinadas profesións liberais (arquitectos, médicos, enxeñeiros, avogados). Tres segmentos ata entón ben diferenciados que, logo das revolucións liberais que tiveron lugar na Inglaterra do século XVII, chegaron a mesturar riqueza, poder político, certo prestixio social e mesmo representación parlamentar. A clase media moderna, de maior connotación funcional que cultural, non xorde ata o século XX nos Estados Unidos, cando se xeneralizan novidosas técnicas de produción que, lideradas pola automatización, permitiron reducir custes e -ao mesmo tempo- favorecer a mellora salarial dos operarios fabrís. De tal xeito que puideron, así, participar da nacente sociedade de consumo. E xerar unha nova dinámica económica que, logo da Segunda Guerra Mundial, daría paso á concepción occidental do estado de benestar. Disque, hoxe en día, a vertebración dun país é posible na medida en que exista clase media.


Pois ben, segundo un estudo do Instituto Nacional de Estadística (INE) e da consultora Ernest&Young, só un 42,9 por cento dos españois se consideran agora partícipes deste segmento social, fronte ao 56 por cento que se encadraban no mesmo en 1975; punto de partida da transición democrática española. Lonxe das andanzas da familia Alcántara, coa que moitos de nós asociamos hoxe aquel tempo, contamos cunha versión contemporánea da clase media, herdeira da 'democratización' do crédito e de estándares de vida low cost, cuxo perigo de extinción podemos, ata certo punto, relativizar. ¿Como senón poderíamos entender a incidencia relativa que tivo unha folga xeral fundamentalmente convocada contra o abaratamento do despido a carón da convulsión social e do alboroto que catro centenares de privilexiados provocaron en todo o país ao dificultar, hai agora preto dun mes, a ponte máis longa do ano? Coido, malia a crise, que a clase media mantén viva a súa esencia en España. Polo menos nos aeroportos.

Te puede interesar