Opinión

DÉBEDAS E DÚBIDAS

Adenominada periferia do euro constitúe, dende hai meses, a maior das preocupacións económicas mundiais. O medo dos investidores ao risco que entraña a débeda soberana rematou por incrementar, ata facer insoportables, os custes de financiamento da metade dos países que responden ao acrónimo de PIGS. E por pechar, finalmente, as portas dos principais mercados internacionais de capitais ante a mínima dúbida de incumprimento. Polo de agora, a presión xa tén cobrado dúas vítimas. Grecia precisou, ao longo do pasado mes de abril, de axuda financeira por un montante de 110.000 millónes de euros; volume que facilitaron os socios comunitarios (con préstamos bilaterais) e o Fondo Monetario Internacional (FMI). Irlanda, pola súa banda, vén de colleitar 85.000 millóns de euros dos mesmos fornecedores, a través dunha parte do que teñen achegado ao Fondo Europeo de Estabilidade Financeira, constituído logo das tensiós suscitadas pola crise grega.


Á vista está que os problemas, sobre todo fiscais, dun estado membro da eurozona afectan ao resto do corpo da moeda común. Feito que se extende, fundamentalmente, a través das arterias financeiras. E que converte en propia unha crise de orixe e con condicionamentos alleos. Así, o rescate de Grecia era de especial interese para a banca alemana e a francesa. O de Irlanda era especialmente sensible para a británica. Mais tamén para a alemana e a francesa. E o (polo de agora só previsible) de Portugal serao para o sistema bancario español. E, con toda seguridade, tamén para o alemán e o francés. Segundo o Banco de Pagamentos Internacionais (BIS, polas siglas en inglés), as entidades financeiras do eixo franco-alemán, que -cómpre lembralo- precisaron de axuda pública por figuraren entre as máis entusiastas compradoras de papeis subprime norteamericanos, explican o 50,9 por cento da exposición de toda a banca mundial á débeda soberana dos dous países rescatados, con preto de 90.500 millóns de euros. Porcentaxe que só diminúe ata o 50 por cento si, ademais, engadimos a Portugal, con algo máis de 46.000 millóns de euros adicionais. Dalgún xeito, chove sobre mollado (periferia) en cada episodio de débeda soberana. Pero só polo miúdo precisamente alí (países centrais) onde a solvencia da débeda non se pon nunca en dúbida.

Te puede interesar