Opinión

O MURO DE BERLÍN

Todo sucedeu sen aviso previo, dun momento para o seguinte: entre a noite do día 12 de agosto de 1961 e a mañá do día 13, as autoridades políticas da Alemaña comunista mobilizaron a milleiros de obreiros e soldados para selar cun muro vergoñento a fronteira co mundo daquela considerado libre. Mais tamén co mundo en xeral, como máis adiante quedaría demostrado. Aquela parede de novo cuño estendíase ao longo de corenta e cinco quilómetros, e dividía Berlín en dúas cidades a partires de aí diverxentes. Familias enteiras perderon conexión porque os medios de transporte, que aínda comunicaban ambos os dous sectores, quedaron de súpeto suspendidos. Só se mantiveron en funcionamento os trens que percorrían a cidade baixo terra. Mais sen se deter nos apeadeiros, convertidos en cuestión de horas, en estacións pantasma nas que ninguén se achegaba a ningures.


Aquel episodio de illamento unilateral cumpre xusto agora medio século. Sirva rememoralo para caracterizar o papel xermano no que atinxe a gobernanza económica e financeira da eurozona. O executivo de Merkel leva a iniciativa á hora de propoñer novos pactos internos co gallo de asegurar a solidez financeira da moeda única. Mais con propostas, as máis delas carentes dunha visión global, que podemos ata o de agora resumir en dúas: sinalar a porta de saída aos que considera díscolos e reforzar, cunha sucesión de respostas ad hoc, a limitada visión de Europa como a dun consenso de mínimos no que sempre paga Alemaña.


Chegados a este punto, cómpre salientar que, xunto coas dos demais países membros, as autoridades alemás foron das principais impulsoras dun marco normativo que, co tempo, se ten demostrado ineficaz á hora de combater shocks nacionais asimétricos. E que, en efecto, convén refundalo. Mais procurando sumando vontades e sensibilidades políticas diferenciadas. Porque si algo caracteriza sobremaneira á Europa actual é que se trata dun continente na procura de liderado.

Te puede interesar