Opinión

ENTROIDO, ARTE E PEDAGOXÍA

Os días grandes do Entroido son distintos en Ourense porque son festivos. Elo é así como resultado da súa importancia histórica para a cidadanía. Á fin de semana engádense o luns e o martes, e a eles súmase 'o día de cinsa'/ 'enterro da sardiña', no que xa abanea a báscula cara o tempo da Coresma. Cada ano igual. Este é o ciclo festivo, mais a percepción do mesmo é moi distinta no mundo laboral (con parada total o día gordo, chamado 'mardi gras' noutras culturas) e no da infancia e adolescencia. Aquí está mediatizado pola docencia formativa, conformativa da patria que todos levamos dentro. A pedagoxía faise así, por elo, un sistema de acceso necesario, e entendelo debe entenderse como responsabilidade do sistema educativo para colexios e institutos: velaquí o currículo do ADN. Formar ás distintas promocións de alumnos no coñecemento das súas raiceiras e na súa necesaria consideración é unha forma privilexiada para axudarlles a asumir os deberes que conforman unha colectividade de seu. As Concellerías de Educación (e Cultura) e a consellería da Xunta, nun ámbito superior, deberían incentivalo por tratarse dunha materia troncal da vida do noso país: Galicia.


Educarmos dende talleres para facer máscaras, e tamén disfraces e bonecos do xoves de comadres: unha labor transformadora que se converte en trascendente cando os grupos de escolares se decatan do resultado na actividade na Praza Maior, no desfile ó redor do quinteiro do espazo docente ou na exposición ad hoc no centro da tarefa. Así se fixo no Colexio Santo Ángel do Couto, nunha acción que é ademáis convivencia e presenza no barrio, portas afora das aulas. E desta volta no Colexio Plurilingüe dos Maristas, con talleres en varios cursos de infantil e primaria que fixeron as máscaras típicas de Maceda, Laza e Verín, por seren as que mellor se prestan para o desenrolo pictórico. Fai días que orlan o seu cilíndrico hall, compartindo espazo coa exposición do Cigarrón, dun Felo, unha Gárgola, un Boteiro e unha Pantalla: son a representación do Entroido tradicional, e diante, na mesa, a cachucha, o lacón e os grelos, que se completaron coas orellas doces de Entroido. As constantes visitas durante os días previos á festa polo alumnado e cantos entraron facían que se respirase a atmosfera dun tempo máxico. E para completar o artista Miguel Ángel Martínez Coello deulle un plus plástico prestando unha obra moi axeitada na que representa un popurrí esencial da Galicia rural tradicional co Cigarrón no centro do óleo, cadro que lembra as recreacións de Álvarez de Sotomayor, eterno director do Museo do Prado.


Porque os centros de ensino preuniversitario da cidade, e das principais vilas poden ser tamén escolas de valores dende o ser das tradicións multiseculares da nosa terra. O esforzo que se faga, coas axudas correspondentes dende os poderes públicos representantes da colectividade, reverterán na propia sociedade dándolle o pulo necesario. Así o precisan tamén os Maios...

Te puede interesar