Opinión

A 'HUMAN MATTER', DE MANOLO PENÍN

Fai uns días que inaugurou Manuel Penín unha exposición dobre na que ofrece retratos dunha liña e acuarelas. Este exercicio de bipolaridade buscada na súa expresión plástica está na sala principal do Centro Cultural da Deputación. O catálogo se dedica de xeito monográfico aos retratos, que ocupan as paredes principais. A maiores, o artista deixou dito que vaina ir ampliando ao longo do tempo expositivo, poñendo o taller nun extremo da sala, onde os irá debuxando. Este é o seu proceder nas exposicións, pois con anterioridade ten practicado a performance. Así no Museo Municipal, onde foi facendo un cadro, e anos antes, na antiga Casa da Xuventude chegou a instalarse na propia exposición, 'vivindo' nela. Agora ten un perfil máis calmo, que aboia nas composicións acuarelísticas. Nesta exposición -a segunda que fai no Centro-, estivo arroupado por amigos e público variado, diante de sinalados artistas e poetas. Nela non faltou arredor da arte a treixadura e albariño de Bodegas Nairoa da D.O. Ribeiro, en luminosa presenza con Guillermo Díaz á fronte e 'Alberte' como agasallo ao padal...


Coa liña, dende o lapis (rotulador ou grafo ás veces), o artista escolle o punto inicial. A liña flúe, dende a concentración, aquí, agora: é o único que lle importa. Avanza como meditando, pescudando o camiño esencial dende o mirar interesado para coller os trazos máis salientables. Así, busca achegarse ao individual que está máis alá dos ósos e a carne, para captar a raiola de luz interior, esa faísca do cerne de cada quen, o que fai que o rostro teña vida..., ou non! A tensión faino entrecruzar por veces a liña, mais o trazo é constante. Del xurde a 'vera efigies' ou un rostro novo, o que será sempre un afondamento na humana materia (human matter). Penín está a facer este proceso desde o pasado outono en Berlin, mais a técnica procede -segundo confesa- dunha das leccións de Xesús Vázquez. Este artista santanderino de orixe ourensá deu aquí un curso, 'Despois de Auschwitz', que o iniciara no recurso que agora presenta.


Nas outras paredes están as órficas pradeiras de cores que por veces semellan das cencias experimentais, un expresionismo de gamas cromáticas que se achega á abstracción sen perder de vista a natureza. As súas polícromas acuarelas de cromatismo calmo, en follas de diversas medidas, sen bastidor nen marco, pendurounas na parede con puntas. Destruír o aparente, e chegar más alá dos límites mediante a contemplación: isto vai estar en contraposición ao acto de pintar/debuxar que amosa na outra parte. Aquí saliéntase máis alí bórrase. Naquelas obras retratísticas, por conseguinte, hai baleiro, e nas outras unha densidade de elementos compositivos, un horror vacui. E aínda que haxa unha certa tensión entre figuración e abstracción, Penín semella iniciar un vieiro de seu. O ronsel de Tobey -que a natureza domine a túa obra-, o grande artista norteamericano, nos parece albiscar?

Te puede interesar